DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A celebración terá lugar o vindeiro día 31 coincidindo coa celebración de San Tomé

A Universidade investirá ao economista de orixe galego Jorge Martínez - Vázquez como Honoris Causa

O Consello de Goberno aprobou a concesión de 41 premios extraordinarios fin de carreira e 48 de dou

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 18/01/2011
Arousán de nacemento e catedrático de economía da Georgia State University, Jorge Martínez - Vázquez será o vixésimo primeiro Doutor Honoris Causa da Universidade de Vigo despois de que a proposta do Departamento de Economía Aplicada fose aprobada no Consello de Goberno, que hoxe celebrou unha dobre sesión, unha extraordinaria, na que se aprobou un novo regulamento de réxime interno do propio Consello de Goberno e unha ordinaria na que, entre outros aspectos, se aprobaron os premios extraordinarios fin de carreira e de doutoramento.

O profesor Martínez - Vázquez, colaborador habitual do grupo de investigación de excelencia Rede, tal como lembrou o profesor Xosé Carlos Arias, encargado de defender a proposta de doutoramento, ten desenvolvido a súa carreira académica nos Estados Unidos, onde hoxe é catedrático e director do International Studies Program. Experto en descentralización fiscal, imposición e xestión tributaria, os seus coñecementos convertérono nun prestixioso consultor do goberno federal e os gobernos estatais dos Estados Unidos, do Banco Mundial, as Nacións Unidas ou o Fondo Monetario Internacional, entre outras institucións de máis de 30 países.

A investidura, tal e como anunciou o reitor, realizarase coincidindo co celebración da festividade do patrón da Universidade, San Tomé de Aquino, que terá lugar o vindeiro 31 de xaneiro no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.

Preto de 90 premios extraordinarios

En relación tamén á celebración de San Tomé, onde os premiados recibirán a insignia da Universidade, o Consello de Goberno aprobou a concesión dun total de 41 premios extraordinarios fin de carreira do curso 2009-2010: 18 no campus de Vigo, 11 en Ourense, oito en Pontevedra e catro nos diferentes centros adscritos que a Universidade ten nos tres campus. Con esta distinción a Universidade recoñecerá aos mellores titulados e tituladas das diferentes carreiras, un total de 24 alumnas e 17 alumnos procedentes de 38 titulacións, xa que nesta ocasión houbo 17 carreiras nas que o premio quedou deserto.

Tamén por asentimento se aprobaron os premios extraordinarios de doutoramento para as teses lidas nos cursos 2008/2009 e 2009/2010. En total concedéronse 48 premios: 16 do ámbito tecnolóxico; 15 do científico; 11 do xurídico-social e 6 do humanístico.

Relación de Premios Extraordinarios de Doutoramento (62.89 Kb)
Relación do Premios Extraordinario Fin de Carreira (1.30 Mb)

Regulamento máis paritario

Dende hoxe o Consello de Goberno conta tamén cun novo regulamento de réxime interno no que, entre outros aspectos, se adapta o texto completo do regulamento á linguaxe non sexista. Así, onde dicía o reitor dirá reitor ou reitora ou, outro exemplo, onde puña xerente pasa a pór a persoa que ocupe a xerencia. Ademais, estableceuse que o Consello de Goberno deberá tender a unha composición equilibrada entre homes e mulleres para o que se atenderá ás normas de paridade aprobadas pola Comisión Electoral.

Tamén en relación cos temas de paridade, a sesión ordinaria do Consello de Goberno aprobou o cambio de nome da Área de Igualdade que, a partires de agora, pasará a denominarse Unidade de Igualdade, “algo que debiamos facer para axustarnos á Lei de Igualdade”, tal e como explicou o reitor.

Novos mestrados en Turismo

De cara a planificación do vindeiro curso académico, 2011-2012, o Consello de Goberno aprobou a posta en marcha de dous novos mestrados para o curso que ven que se sumarán aos oito que xa se aprobaran no anterior Consello de Goberno. Para completar esta relación aprobáronse dous novos mestrados que nacen dun tronco común: o Máster en Planificación e Dirección do Turismo de 120 créditos e dous anos de duración, que agora se reconvertirá en dous mestrados distintos de 60 créditos cada un: Xestión do turismo e recreación, de carácter investigador, e Dirección e planificación do turismo interior e de saúde, de carácter profesionalizante.

Outros temas

Tamén de cara a planificación do curso que ven se aprobou a convocatoria de anos sabáticos, así como os criterios de cálculo de carga docente das titulacións de grao, un apartado no que Nova Universidade manifestou o seu desacordo “polo xeito no que se contabiliza a carga docente de cada titulación de grao”, tal e como fixo fincapé Jaime Cabeza, líder da oposición.

Noutro dos puntos da orde do día aprobáronse tamén as normativas para o ano 2011 das Axudas de Extensión Universitaria, nas que se inclúen os complementos específicos para cursos, obradoiros e outras actividades extraacadémicas de difusión cultural .Tal como subliñou o vicerreitor de Extensión Universitaria, Xosé Henrique Costas, a penas experimentaron cambios a excepción dos derivados dos recortes que sufriron os orzamentos de 2011.