DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Universidade Iveco segue sen acadar a vitoria

No segundo partido na casa, perdeu 29 a 56 ante os cataláns do Santboiana

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
DUVI 03/10/2011
Era o seu segundo partido na casa e tiñan a ilusión de brindarlle a vitoria á súa afección, que unha vez máis subiu en masa ao campus, pero nesta ocasión tampouco puido ser. O Universidade de Vigo Iveco xogou o seu partido no campus ante un rival que foi superior durante a maior parte do partido, con un xogo moi consistente e con xogadores moi desequilibrantes en postos clave, en especial a apertura Isaac Thompson e o segundo centro Ryan Leroux, dous xogadores que se converteron nun auténtico pesadelo para o equipo vigués.

Sen embargo, a pesares da superioridade do UE Santboiana SEAT, o equipo galego tratou de xogar de igual a igual cos cataláns, con xogadas á man de gran calidade que remataron con cinco ensaios polo lado vigués, o que lle permitiu acadar un punto bonus. Mostra do rugby ofensivo que se viu no campus vigués, foi o resultado acadado, un 29 a 56, unha cifra que retrasa unha vez máis a agardada vitoria.

O primeiro tempo comezou con Santboi atacando e aos 16 minutos xa ganaba por 0 a 17, produto de dous ensaios transformados e un golpe de castigo, grazas ao bo xogo da liña dos cataláns. Dende entón o Universidade Iveco tivo unha tibia reacción con varias fases de ataque polos abertos, ata que un golpe de castigo de Gus Gainzarain, que entrara polo lesionado Marcos Mella, anotou o primeiro ensaio para colocar o marcador 5 a 17. Non tardou en responder o Santboiana, xa que practicamente ao realizar o saque de centro conseguiu un novo ensaio, o que repetiría no minuto 31, ambos transformados, para deixar o tanteador costa arriba para os vigueses, por 5 a 31. Foi o intre para que o Universidade sacara un pouco de amor propio para ir cara adiante catro minutos antes de que acabara a primeira parte, cando unha xogada persoal de Carlos Cabo puña o parcial de 10 a 31. Despois, cun golpe transformado pola apertura de Isaac Thompson, chegábase ao descanso 10 a 34.

A segunda parte trouxo os mellores minutos

Coa segunda parte chegou o mellor momento para os locais, xa que nada máis comezar lograba un ensaio a través de Basilis Katsakos, que transformaba esta vez Josh Hamilton para pór o partido 17 a 34. Cinco minutos despois era a estrela sudafricana visitante Ryan Leroux o que posaba o balón na zona de marca para ampliar novamente a diferencia 17 -39. Foron desde ese momento os mellores minutos do Universidade Iveco, xa que comezou a asediar á Santboi conseguindo dous ensaios, no 51 e no 65 a través de Josh Hamilton e Roy Griffin, este último logo dunha carreira de 80 metros, que a transformación do primeiro por parte de Hamilton deixaba as cousas nun esperanzador 29 a 39. Parecía que o equipo vigués tiña máis fondo físico, pero o equipo catalán rexurdiu co seu xogo, e empregando os seus habilidosos backs, conseguiu dous novos ensaios transformados e un golpe transformado que deixaba o resultado final 29 a 56.

A vindeira fin de semana non haberá partido debido á concentración da selección española. O seguinte encontro será a fin de semana do 15 de outubro co desprazamento a Valladolid para xogar ante El Salvador.