DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Mostras para investigación danadas, pintadas e extintores baleirados, efectos da protesta

A Universidade lamenta os estragos ocasionados co gallo da folga de limpeza

A Xerencia puxo os feitos en coñecemento da Subdelegación do Goberno

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 06/11/2008

Danos materiais en varios edificios de facultades e servizos, e papeis ciscados por boa parte do campus, son a testemuña máis visible da folga dos traballadores de limpeza de edificios e locais que afectou, tamén nesta xornada, á Universidade de Vigo, un feito do que a xerente da institución, Ana Fernández Pulpeiro, sinalou “a Universidade non tiña comunicación”.
Ante os danos materiais sufridos en diversas dependencias de facultades e escolas como Química, Bioloxía, Económicas ou Telecomunicación, onde os retretes foron atascados, as paredes pintadas, os extintores e as papeleiras baleirados ou os folletos que se atopan en diversos expositores, ciscados polo chan, a xerente da Universidade de Vigo afirmou que "aínda que respectamos as reivindicacións dos traballadores, non podemos máis que lamentar os actos ocorridos. A Universidade non pode permitir que se interrompa o normal desenvolvemento da actividade”. A Xerencia xa puxo en coñecemento da Subdelegación do Goberno os feitos para que estea ao tanto do acontecido.

Destrozos en mostras de grupos de investigación

O estrago de diversas mostras e documentación coa que traballaban varios grupos de investigación da Facultade de Bioloxía, foi outra das consecuencias da xornada de folga. Uns feitos que foron duramente criticados polo decano da Facultade, Pedro Pablo Gallego que expresou a súa contrariedade polo ocorrido asegurando que “non é perdoable que se tiren polo chan e destrocen as mostras científicas coas que traballamos. Cómpre respectar o traballo das persoas”.