DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Financiado polo Ministerio de Ciencia, o proxecto 'DebaTv' presentouse este martes en Madrid

A Universidade lidera un estudo dirixido a articular un modelo de referencia para os debates electorais televisados en España

Coordinado polo grupo CP2, da Facultade de CCSS e da Comunicación

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Democracia
  • Divulgación
  • TIC
  • Investigación
DUVI Pontevedra 13/11/2018

Definir unha proposta de modelo pluralista que aborde o antes, o durante e o despois dun debate electoral televisado, que sirva como marco de referencia para os distintos actores e institucións implicados na súa organización e difusión, ante a ausencia en España dunha guía destas características, é o obxectivo final do proxecto de investigación Debates electorales televisados en España: modelos, proceso, diagnóstico y propuesta (DebaTv), que, co financiamento de Ministerio de Ciencia, Innovación e Economía, coordina o grupo de investigación Comunicación Persuasiva 2 (CP2) da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Un equipo interdisciplinar de 20 investigadores e investigadoras, coordinado polos profesores da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Xosé Rúas e Ana Belén Fernández Souto, participan nunha investigación seleccionada na convocatoria Retos do Ministerio, que se desenvolverá ata o 2020 e que se completará coa publicación dunha “monografía e manual de referencia” que recolla os resultados finais do proxecto e que aborde, explica Rúas, “desde o punto de vista académico e profesional” tanto a fase previa dun debate, como a súa realización e o posterior alcance, repercusión e efectos, de tal xeito que contribúa “de forma eficaz, á negociación e consolidación deste tipo de encontros” e polo tanto, “ao fomento do debate público e democrático”.

O proxecto, que conta co apoio da Academia de las Ciencias y las Artes de Televisión (Academia TV), da Federación de Organismos de Radio e Televisións Autonómicas (Forta) e da Unión de Televisiones Comerciales en Abierto (Uteca), foi presentado este martes na Facultad de Ciencias de la Información da Universidad Complutense de Madrid, nun acto no que Rúas puxo en valor a importancia da televisión como servizo público e incidiu en que os debates electorais son “imprescindibles para mellorar a calidade e transparencia da democracia”. O punto de partida deste proxecto, que abrangue tamén a celebración dun congreso internacional en Pontevedra os días 30 de setembro e 1 de outubro de 2019, lembrou Rúas, vén definido polo feito de que o “actual contexto de ruptura do bipartidismo e de converxencia e hibridación mediática” fai preciso un “cambio no tradicional esquema de organización de debates electorais televisados”, ante o que esta investigación busca articular un “modelo pluralista e integral”. 

Neste acto, Rúas estivo acompañado polo vicepresidente da AcademiaTV e codirector dos debates organizados pola academia en 2008, 2011, 2015 e 2016, Fernando Navarrete, quen puxo de relevo o compromiso da Academia cos debates e a transparencia; así como polo director xeral de Uteca, Andrés Armas, quen sostivo que o “concepto clásico de debate electoral” en televisión está “amplamente superado” e puxo o acento na importancia de ter en conta outros formatos como a discusión en redes sociais, así como da autorregulación á hora de organizar este tipo de actos. Na presentación participou así mesmo o director de Comunicación da CRTVG, Xaime Arias; quen puxo de relevo o papel clave das televisións “na batalla pola credibilidade e a loita contra a información falsa”, así como do vicedecano da Facultad de Ciencias de la Información José Antonio Ruiz, quen destacou este proxecto como unha suma de esforzos e coñecementos para lograr un “avance social”, así como da investigadora da Complutense participante no proxecto Raquel Rodríguez. 

Un equipo interdisciplinar para abordar o antes, o durante e o despois

Coa participación de investigadores de investigadoras das Universidades de Vigo, A Coruña, Lleida, Complutense e  Rey Juan Carlos de Madrid, así como do profesor da Northearstern University de Boston Alan Schroeder, autor de diferentes estudos sobre os debates electorais estadounidenses, e do psiquiatra do Servizo Galego de Saúde Alejandro García, o proxecto será desenvolvido por un “equipo interdisciplinar” de especialistas en ámbitos como a comunicación política, o protocolo, as relacións públicas, a comunicación audiovisual e a psicoloxía e psiquiatría, co propósito de analizar os debates electorais desde esta tripla perspectiva do antes, o durante e o despois.

Neste senso, un dos puntos de análise será todo o proceso de negociación previa dun debate “que sempre é moi ardua” e respecto da que “tampouco existe un modelo en España”, explicou Rúas. Así mesmo, a investigación porá o foco no propio contido do debate, realizando tanto unha análise da “función discursiva dos debates electorais”, tanto estatais como autonómicos, como un estudo desde o punto de vista “cognitivo e emocional”. Para iso, empregaranse metodoloxías como o Eye-tracking, co propósito de coñecer os puntos de maior atención e concentración da mirada por parte do espectador; a observación da reacción dos espectadores mediante un encefalograma, ou a análise computerizada da carga emocional das intervencións dos candidatos mediante o software LIWC, á vez que unha análise dos contidos desde a óptica do fact-checking, a comprobación dos datos proporcionados polos candidatos e candidatas, comparando así mesmo as diferenzas entre os debates entre dous candidatos e o debate a catro celebrado antes das eleccións xerais de 2016.

A investigación deterase tamén na repercusión e impacto dos debates, tendo en conta aspectos como a importancia que neste eido teñen as redes sociais. Así mesmo, o proxecto abrangue tamén a realización dunha serie de entrevistas a directivos de diferentes cadeas, representantes de diferentes formacións políticas e outra serie de profesionais e axentes implicados na organización dun debate electoral.

Como serán os debates do futuro?

A proposta de investigación inclúe tamén o estudo dos “modelos de referencia seguidos en distintos países de Europa e nos Estados Unidos, así como a análise comparativa da normativa vixente sobre a cobertura dos procesos electorais por parte dos órganos e consellos reguladores europeos”, explica Rúas dun proxecto que, ademais de definir ese modelo de referencia, busca tamén abordar a pregunta de “como serán os debates do futuro”, tendo en conta que fronte ao “esquema do debate tradicional”, caracterizado polos cara a cara entre dous candidatos, na actualidade “non é posible hoxe en día xa facer un debate, primeiro, sen contar co multipartidismo, e, segundo, sen ter en conta o que se chaman as segunda pantallas, as redes sociais”.