DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pon en valor o patrimonio como chave para a promoción turística do rural

A Universidade lidera un proxecto pioneiro para a promoción da comarca de Terra de Lemos

A iniciativa está dirixida polo profesor Xavier Simón e conta co apoio de institucións e concellos d

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Raquel Feijóo DUVI 18/06/2010

Visitar as igrexas máis fermosas da Ribeira Sacra, aprender a facer olas, vivir de preto o carnaval ribeirao e o do Oso de Salcedo e ata participar na matanza do porco. Son só algunhas das 11 experiencias que a Universidade de Vigo vén de pór en marcha na comarca de Terra de Lemos e en concellos lindeiros a través do proxecto Agroturismo en Terras de Lemos. A iniciativa está dirixida por Xavier Simón, profesor do Departamento de Economía Aplicada e a súa finalidade é, segundo as súas palabras, “amosar a riqueza patrimonial material e inmaterial existente na zona para contribuír a un maior desenvolvemento do sector turístico do lugar”. Uns obxectivos que, na súa opinión, xerarán novos recursos económicos e novas posibilidades laborais que contribúan a paliar o despoboamento, un dos males endémicos que afectan non só á provincia de Lugo senón tamén a todo o rural galego.

Unión de diferentes organismos nun obxectivo común

O proxecto foi presentado este venres no Mosteiro da Bernarda, en Ferreira de Pantón, nun acto no que Xavier Simón estivo acompañado polos representantes das institucións e organismos que brindaron o seu apoio á iniciativa: Alfonso Carrasco, bispo de Lugo; María Xosé Veiga, vicepresidenta da Deputación de Lugo; José Luis Maceda, alcalde de A Pobra do Brollón, Severino Rodríguez, alcalde de Monforte; Ramiro Moure, alcalde de Taboada; Ildefonso Piñeiro, tenente alcalde de Chantada e José Luís Álvarez, alcalde de Ferreira de Pantón. De feito a unión de diferentes organismos, institucións e colectivos na procura dun obxectivo común como é a posta en valor do noso patrimonio é un dos logros do proxecto especialmente subliñado por Xavier Simón. “Conseguimos implicar na iniciativa a 12 casas de turismo rural, 20 explotacións agrarias, 6 concellos así como á Deputación e ao Bispado de Lugo”, sinala ao tempo que anima a outros concellos da zona, como Sober, Saviñao e Bóveda a sumarse á iniciativa.

Igrexas mellor coidadas e máis coñecidas

No transcurso do acto o bispo de Lugo, Alfonso Carrasco, fixo especial fincapé nunha das experiencias do proxecto, a titulada Hai mil anos que lle permitirá ao visitante coñecer as igrexas románicas máis fermosas da Ribeira Sacra da man dun guía especialista en iconografía románica. Para iso hai organizados tres roteiros polos concellos de Sober, Ferreira de Pantón e Saviñao dunhas tres horas de duración cada un e por un prezo de 4 euros. Segundo explicou o bispo, “iniciativas deste tipo non só permiten dar a coñecer a vida e a cultura desta terra senón que contribúen tamén á recuperación e mellora do noso patrimonio para facelo máis vivo e visitado e das nosas igrexas, que estarán mellor coidadas e serán máis coñecidas”, declarou. A vicepresidenta da Deputación de Lugo, María Xosé Veiga, pola súa banda, amosou o apoio da institución á que pertence a este proxecto “porque a Ribeira Sacra ten moitas cousas que ofrecer ao visitante e porque apoiar iniciativas coma esta significa tamén apoiar ás persoas que viven e traballan aquí no desenvolvemento de actividades tradicionais”.

Dende cogumelos e abellas ata seres míticos

Para levar adiante o proxecto Agroturismo en Terra de Lemos un equipo de investigadores dirixido por Xavier Simón realizou unha diagnose previa dos recursos existentes na zona, un traballo que lles permitiu deseñar despois os 11 novos produtos turísticos construídos a partir da riqueza patrimonial material e inmaterial do lugar. Ademais das rutas do románico os visitantes da contorna poderán participar en estilas tradicionais e facer o seu propio augardente, manexar o barro para construír olas, facer máscaras de entroido, aprender a bailar as danzas tradicionais, participar na festa do magosto, percorrer o monte para ver, identificar e comer cogomelos, aprender a traballar coas abellas e gozar de paseos por rutas e lugares encantados cunha sesión de contos á luz do lume. A iniciativa inclúe tamén un cursiño de agricultura ecolóxica no que os participantes poderán aprender as súas técnicas labrando a horta da Reitoral de Castillón e ofrece a posibilidade de apadriñar un castiñeiro e levar toda a súa produción. Unha selección de actividades que, segundo Xavier Simón, “amosan a maneira de vivir da xente do lugar en todos os seus ámbitos, dende a agricultura ata o patrimonio”. As actividades comezarán o seu desenvolvemento o día 1 de xullo.
O director do proxecto explica que estamos ante un proxecto piloto que terá unha duración inicial dun ano. Transcorrido este tempo serán as institucións e organismos privados os que deberán facerse cargo do seu custo e mantemento. Xavier Simón engade así mesmo que esta iniciativa pioneira pode levarse adiante noutros lugares da nosa comunidade “analizando previamente os recursos existentes para poder deseñar despois produtos específicos para cada lugar”, sinala.