DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A países clásicos como Alemaña ou Italia engádense outros como Corea, Taiwan ou Senegal

A Universidade máis internacional dá a benvida a 427 estudantes dos cinco continentes

O vicerreitor destaca que o ano pasado se asinaron máis de 50 convenios con países de fóra da Unión

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D.Besadío/Bea Feijoo DUVI 22/09/2011

A países xa clásicos como Alemaña, Italia, Polonia, Brasil ou México engádense este curso outros como a República de Corea, Taiwan ou Senegal. Son 427 mozas e mozos e chegan dos cinco continentes. A Universidade dá esta semana a benvida aos estudantes estranxeiros de intercambio, fíxoo hoxe aos 380 que van estudar en Vigo e Pontevedra e farao mañá en Ourense, campus que foi elixido por 47 destes alumnos.

Encantados coas cidades que os acollen, “moi bonitas e con moitos espazos verdes”, a maior parte deles levan xa arredor de tres semanas nos campus. A gran maioría chegan como bolseiros do Programa Erasmus (325), pero esta non é a única opción, tal como explicaba o vicerreitor de Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias, quen salientou que o curso pasado “asinamos máis de 50 novos convenios de intercambio con universidades de fóra da Unión Europea” o que permitiu incrementar a presenza de estudantes de nacionalidades como Brasil, México, China, Canadá, Arxentina ou Australia. “Grazas ao novo programa I-I de ISEP podemos abrir a nosa mobilidade a todo mundo”, engadía Eva Garea, técnica superior de Relacións Internacionais, que foi a encargada de polos ao día sobre as cuestións máis prácticas de última hora.

Todos eles puideron coñecer no acto de benvida “os servizos, instalacións e actividades que a Universidade lles ofrece como estudantado estranxeiro”, como apuntou o vicerreitor. Así, os representantes do Servizo de Deportes, Centro de Linguas, Normalización Lingüística e Biblioteca Universitaria informáronnos sobre horarios, programas, cursos e iniciativas de lecer e formación complementaria. O director da Oficina de Relacións Internacionais, Anselmo Seoane e a técnica superior Eva Garea, tamén lles achegaron todas aquelas actividades preparadas para a súa estadía, como excursións, festas, visitas ou os tándem de conversa, “para que practiquedes español e galego cos estudantes locais”.

Filoloxía e Tradución mantense como o centro máis internacional

Como ven sendo habitual Vigo é o campus que acolle máis estudantes de intercambio, 316 alumnos e alumnas que se dividirán entre as diferentes escolas e facultades, sendo, un ano máis, Filoloxía e Tradución o centro máis internacional, con 152 estudantes doutras nacionalidades. As italianas Carlota Bonissone, Cristina Anfossi e Margherita Schenone son tres destas alumnas. Chegaron o 28 de agosto e nestas tres semanas visitaron xa lugares como as illas Cíes, o Museo do Mar “e, como non, o Casco Vello pola noite”, subliñaba Carlota, que fixo fincapé en que todos os lugares nos “gustaron moito”, sinalou nun perfecto galego, un idioma co que xa tivo os seus primeiros contactos grazas ao curso intensivo organizado pola Área de Normalización Lingüística e a ORI. “Sorprendeunos moito este idioma, mestura de italiano e castelán”, puntualizaba Cristiana, que admitía que lles resultaba moi doado de entender “aínda que non tanto de falar”.

Tamén se consolida a presenza internacional en lugares como Ciencias Económicas e Empresariais, que acollerá este cuadrimestre a 66 estudantes foráneos. Dende México chegou Daniel Zihalpopoca e, dende Arxentina, Loana Vaillarol, matriculados ambos no grado en Administración e Dirección de Empresas. Para ambos esta é a súa primeira experiencia internacional, “cheguei hai tres semanas e estou encantado, xa que se trata dunha cidade moi bonita e con moitas zonas verdes”, subliñou, un aspecto no que tamén fixo fincapé a súa compañeira, que insistiu no “marabilloso que é ter a praia tan preto”.

Pontevedra, a cidade acolledora

O campus de Pontevedra tamén aproveitou este xoves para dar a benvida aos seus 64 estudantes de intercambio. Ademais de Manuel Fernández Iglesias e Eva Garea, o novo alumnado foi recibido pola vicerreitora do campus, Antonia Blanco, quen lles deu a grazas a todos e todas por escoller aos centros de Pontevedra. “Esta é a vosa casa”, engadiu, “e espero que aproveitedes estes meses para aprender a lingua, estudar e para coñecer esta cidade”. No primeiro cuadrimestre do curso 2011-2012, o campus pontevedrés acolle a un total de 47 estudantes estranxeiros, dos cales 11 estarán todo o ano, tendo como principal destino a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, que durante este curso recibirá a un total de 42 alumnos. Ademais, “este ano foi a primeira vez que se puxo en marcha o programa ISEP neste campus para o intercambio de alumnado americano”, aclarou Garea.

As primeiras impresións non se fixeron esperar. A napolitana Federica Mingione, que estuda na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, quedou sorprendida das clases de fotografía do centro, “aínda que economía estame custando un pouco porque as explicacións son en galego”. Pola súa banda, Adam Matuszewski, vén de Polonia para estudar na Facultade de Belas Artes. Confesa que lle impresionou o tamaño do centro e a gran variedade e calidade dos obradoiros e seminarios, “o que fala moi ben do seu nivel académico”. Algúns deles xa coñecían a Universidade de Vigo por compañeiros e amigos que estiveran de intercambio previamente; é o caso da colombiana Ana Paula Dulce que se animou a vir “porque a titora do ano pasado, que gozara dunha estancia, recomendouma”. Todos destacaron o tamaño da cidade, “moi pequena e acolledora o que permite desprazarnos a pé”, a zona monumental “e a amabilidade da cidadanía, que a calquera persoa que lle preguntas algo aclaran todas as dúbidas cun sorriso nos beizos”.