DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Entregados este mércores nun acto presidido polo vicerreitor de Relacións Institucionais

A Universidade manifesta o seu compromiso coa normalización lingüística coa entrega dos premios de poesía, relato e tradución

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Camino Carballeira DUVI 21/05/2009

A Universidade de Vigo realiza un labor de dinamización e normalización lingüística todo o ano, pero dalgún modo, a entrega dos premios de poesía, relato curto e tradución celebrada este mércores supón ese gozo da fase de recolección logo de todo o proceso. O vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, cando o director da Área de Normalización Lingüística, Henrique Costas, e Aurora García, vicedecana da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, entregou os galardóns aos premiados nun acto que contou coa actuación do artista guardés Tino Baz.
Logo de catorce edicións este concurso, segundo indicou Area, “non é só un clásico orixinal senón un alcoube ou semente de novas voces para as letras galegas”. E é que moitos dos distinguidos con este premio en anos anteriores, despois teñen repetido noutros concursos de máis relevancia social e contía económica, “prestixiando aínda máis a nosa institución”. Como indicou Area, a Universidade ten o deber de “formar profesionais útiles á sociedade e bos escritores” ao tempo que recordou que a de Vigo é “a única universidade con cursos de formación nas catro linguas do estado español”.
Unha tradución euskera-galego, un poema de carácter social e unha reflexión sobre a toma de decisións foron os primeiros premios de cada categoría pero tamén houbo historias enigmáticas e un reflexo da vida napolitana entre o resto dos galardóns. En calquera caso o que non deixa lugar a dúbidas, segundo o director da ANL, é que “cada ano os textos teñen máis nivel”.

Galicia, entre o País Vasco e Nápoles

O primeiro premio na modalidade de tradución foi para Gero (Despois) de Isaac Xubín. Trátase dunha selección de fragmentos “os máis anecdóticos e aptos para un público xeral” dunha obra do século XVI que o sacerdote Pedro de Axular, da parroquia de Sara, elaborou no contexto da contrarreforma, para loitar contra o protestantismo no Reino de Navarra. Xubín, estudante de terceiro ciclo e licenciado en Filoloxía galega, explica que “hai poucas cousas traducidas ao galego desde o euskera e por iso escollín este libro, porque é un modelo”. O accésit foi para María Mediero cunha tradución desde o napolitano dunha obra de teatro de Eduardo Filippo. As voces de dentro reflicte a cultura napolitana e a idea deste traballo xurdiu “logo dunha estanza de prácticas en Nápoles”, onde a autora entrou en contacto co napolitano, “que alí non se recoñece como lingua” e decatarse da súa pouca difusión no noso país.
A sorte non pode usarse como guieiro na toma de decisións e esa é a idea que Raquel Fernández, autora de A sorte está de cara e estudante de cuarto de Economía, tratou no seu relato curto. O primeiro accésit desta modalidade recaeu en Quérote, de Alberto Comesaña, todo un veterán do concurso logo de catro premios consecutivos, cunha enigmática historia arredor dun vello que quere aprender a ler, a súa filla e mailo mestre. A segunda mención foi para Juan Antonio Martín, autor de A burra de ouro.
Baiona, a perda desta vila “no sentido da lingua, da desfeita pola construción urbanística” centran os versos do poema galardoado co primeiro premio, Tal vez o infortunio, escrito por Anxo Manuel Rodríguez Ratel. A peza partiu da necesidade “de espertar as conciencias dos veciños e amosarlles que si se fan cousas” como as accións en defensa do parque da Palma, explica. Pola súa parte, Xosé Daniel Costas acaparou os dous accésit desta modalidade con Le petit, dous poemas nos que introduce a persoas da súa cotidianeidade nas viaxes do Principiño e nas que achega seis definicións do amor. Costos foi merecedor tamén do segundo accésit por Versos alineados á esquerda con espazos e silenzos composto por sete poemas que debuxan temas como o amor ou Rosalía de Castro.

Actuación de Tino Baz

Tino Baz pechou o acto cun concerto no que interpretou algúns dos seus temas, baseados en poemas de autores como Méndez Ferrín ou Marica Campos. A súa actuación foi un valor engadido á entrega dos premios e quen sabe se en pouco tempo sexan os versos dos premiados os que musique. O que deixou patente o cantautor guardés é que, como el mesmo dixo, “ser ghaiteiro é unha filosofía da vida e unha maneira fermosa de estar no mundo”. Non só entoou verbas de autores recoñecidos senón que tamén achegou, como é característico do seu repertorio, os versos dun veciño, carpinteiro republicano de 97 anos, sobre o seu obradoiro, cheo de libros.