DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pese á redución nos orzamentos xerais, estas axudas conservan intacta a súa partida

A Universidade mantén o esforzo económico nas bolsas comedor

En total destináronse 228.500 euros, divididos en 457 axudas de 500 euros

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
DUVI 21/05/2012
Co obxecto de garantir a igualdade de oportunidades das familias con menos recursos, a Universidade destinou este curso 228.500 euros ás denominadas Bolsas Comedor, unhas axudas propias da Universidade de Vigo “cun carácter marcadamente social e dirixidas ao alumnado menos favorecido economicamente”, subliña o vicerreitor de Alumnado, Docencia e Calidade, Ignacio Barcia, que fai fincapé en que pese a diminución sufrida nos orzamentos universitarios “a política seguida con respecto ás bolsas e axudas é manter estas partidas e non diminuílas”.

En total outorgáronse 457 bolsas por unha contía de 500 euros, sobre un total de 517 solicitudes que cumprían os requisitos da convocatoria. Para solicitar estas axudas hai que cumprir determinados requisitos, tanto académicos como económicos, pois as solicitudes ordénanse en función da renda per capita por ano de cada un dos solicitantes. “Os requisitos en canto ao umbral de renda son máis esixentes que os das bolsas do MEC, xa que están destinadas ao estudantado con menos recursos, polo que só acceden a este tipo de axudas as persoas con renda familiar máis baixa”.

Estas axudas están abertas a todos os estudantes da Universidade de Vigo, incluídos, ademais dos estudantes de grao e das antigas diplomaturas e licenciaturas, o alumnado matriculado en calquera dos mestrados oficiais que se imparten na Universidade de Vigo.