DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovido polo Consello Social, contará coa participación de Ana Patricia Botín

A Universidade organiza un acto para homenaxear a máis de 500 empresas colaboradoras

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 08/05/2008
Máis de 500 empresas que colaboran coa Universidade de Vigo recibirán o vindeiro 20 de maio o recoñecemento da institución nun acto público no que se lles agradecerá a súa ampla colaboración na realización de proxectos de I+D+i e na incorporación dos universitarios ao mercado laboral.
Promovido polo Consello Social, é a primeira vez que unha universidade española organiza un evento destas características. Trátase de abrir camiños para facilitar un encontro entre a universidade e a sociedade, “a función básica é que a sociedade e a institución se comuniquen, se coñezan, se acheguen con confianza e enfronten o futuro como un compromiso colectivo”, indicou Emilio Atrio, presidente do Consello.
Segundo declaracións do reitor, Alberto Gago, a universidade está totalmente implicada neste tipo de actividades conxuntas e o grado de colaboración con empresas e institucións é cada vez maior. “A Universidade está moi interesada en que a empresa estea preto do titulado e, pola súa banda, as empresas necesitan saber que tipo de profesionais se están formando no seu ámbito de influencia”, subliñou Gago.

Coa participación de Ana Patricia Botín

O acto, que se desenvolverá na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, contará coa presenza da Conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón; o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Antonio Fontela Ramil e Ana Patricia Botín, presidenta de Banesto, que impartirá a conferencia “Universidade e empresa, un camiño compartido”.
Segundo se expuxo na presentación das xornadas, este recoñecemento confirma a aposta da Universidade cara a unha universidade aberta á sociedade e comprometida coa inserción laboral dos seus estudantes e coa transferencia de coñecementos ás empresas. “En ocasións cando falamos do traballo da Universidade, da súa misión e implicación social, a realidade é que nese obxectivo ambicioso de xerar coñecemento e transferilo, en non poucas ocasións nos sentimos sós e pouco comprendidos. Este acto servirá para agradecer a súa compañía”, apuntou o reitor.

Premios aos mellores docentes

Xunto a esta iniciativa o presidente do Consello Social aproveitou a ocasión para anunciar a creación de catro premios que se outorgarán aos mellores docentes da Universidade e que terán periodicidade anual.
Ademais, quixo tamén destacar outras liñas de traballo que leva a cabo este órgano de participación da sociedade na Universidade, tales como a posta en marcha de axudas especiais para titulacións con dificultades para que os alumnos fagan prácticas ou a distribución das bolsas de colaboración que outorga o Ministerio de Educación.