DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Do 31 de marzo ao 3 de abril no campus vigués

A Universidade organiza a Fase Interzonal de Fútbol 11 masculino e Baloncesto feminino do Campionato de España 2009

O 2 e 3 de maio será a quenda para a competición nas modalidades de Orientación e Taekwondo

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Lucía Costas DUVI 26/03/2009

Despois de organizar o pasado ano os Campionatos de España Universitarios de Remo, Vela, Orientación e Taekwondo, no 2009 a Universidade de Vigo repite nestas dúas últimas modalidades e, a maiores, organiza por primeira vez a Fase Interzonal de Fútbol 11 masculino e Baloncesto feminino, que se celebrará do 31 de marzo ao 3 de abril.
Dende o martes e ata o venres, o pavillón universitario e o campo de fútbol de herba sintética de terceira xeración do campus vigués serán os escenarios desta competición que reunirá a equipos procedentes de 12 universidades do territorio español. “O Servizo de Deportes da Universidade asume neste acontecemento unha gran responsabilidade”, explica Eduardo Rodríguez, coordinador da proba, “organización, instalacións, material deportivo... todo en xeral ha de ser perfecto”, engade.
15 equipos, oito na modalidade de baloncesto e sete en fútbol 11, loitarán ata o final por acadar o pase que os levará á fase derradeira do campionato. Vigo, Estremadura, Castela e León, Pompeu Fabra, Illas Baleares, As Palmas, Navarra e Castela a Mancha son as universidades participantes en Baloncesto feminino. Pola súa parte, no Fútbol 11 masculino competirán Vigo, Murcia, Castela A Mancha, Zaragoza, País Vasco, Madrid e Illas Baleares. O conxunto vigués feminino parte como un dos favoritos a ser o gañador, “temos moitas posibilidades, contamos cun bo equipo formado por xogadoras que adestran duro e a diario”, sinala Rodríguez; non obstante, “os mozos tamén teñen as súas opcións ao triunfo no fútbol 11”, asegura.
A fase desenvolverase en tres días de competición, xogando dous grupos (A e B) de catro equipos a modo de liga, a só unha volta, e clasificándose o primeiro de cada conxunto para o encontro final, que terá lugar na cuarta xornada ás 10.00 horas.

Taekwondo e Orientación o 2 e 3 de maio

Os días 2 e 3 de maio será a quenda dos Campionatos de España Universitarios de Taekwondo e Orientación.
Na primeira das modalidades realizarase a competición de combate; o sábado terá lugar o campionato masculino e feminino en diversos pesos, coa súa correspondente entrega de medallas; e o domingo disputarase o resto de pesos, coa entrega de galardóns e de trofeos por equipos.
En orientación haberá dúas categorías individuais, masculino e feminino e realizaranse tres tipos de probas: distancia media, o primeiro día pola mañá; sprint, pola tarde e distancia longa na segunda xornada, que rematará coa entrega de premios para os tres primeiros clasificados en cada modalidade; do mesmo xeito, serán galardoados os equipos da universidades clasificadas nos mesmos postos. A competición desenvolverase na Serra do Galiñeiro e na cidade de Vigo, no parque Charlie Rivel, no Castro.