DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Será o mércores 21, ás 12.00 h, na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación

A Universidade organiza unha homenaxe “in memorian” ao profesor Xan Bouzada

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Camino Carballeira DUVI 13/01/2009

Para recordar a pegada que deixou en todos os que o coñeceron e coa perspectiva que dan os oito meses que transcorreron desde o seu falecemento celebrarase o mércores 21 unha homenaxe ao profesor Xan Bouzada. O acto terá lugar no salón de graos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e reunirá a amigos, alumnos e compañeiros no recordo ao sociólogo.
O reitor, Alberto Gago, presidirá un acto que tamén contará coas intervencións do decano da facultade, Alberto Pena, e o profesor Xesús Lage Picos, amigo e compañeiro de departamento de Bouzada. Ademais, a organización invitou a dous profesores da Universidade de Santiago de Compostela a participar no acto pola súa vinculación persoal e profesional co homenaxeado. Trátase de Luís Álvarez Pousa, profesor de Xornalismo especializado na Facultade de Ciencias da Comunicación e co que Bouzada colaborou cando este ocupou o cargo de director xeral de cultura e na fundación da revista Tempos Novos, e Henrique Monteagudo con quen Bouzada elaborou o mapa sociolinguístico de Galicia e colaborou no Consello da Cultura de Galicia e na revista Grial.
O acto estase organizando con moito cariño e coidado e por iso, parte do que alí acontecerá gárdase en segredo, confiando en axudar a facer presente a figura do profesor. Ademais está previsto que a facultade lle entregue á súa familia unha insignia de honra de ouro con brillantes en recoñecemento ao seu labor.

O legado de Bouzada

Xan Bouzada, que traballou no Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración e Filosofía da Universidade de Vigo, e impartiu as clases de Socioloxía do consumo, Socioloxía da comunicación e Socioloxía xeral. Foi autor de máis dunha vintena de libros sobre socioloxía da cultura, políticas culturais, sociolingüística e desenvolvemento local e comunitario entre os que se atopan Mapa cultural de Galicia: a situación socio-cultural dos concellos galegos; Políticas culturales y sociedad democrática; Cultura e concellos. As estratexias de promoción cultural no ámbito local; O proceso de normalización do idioma galego; Cultura e participación; Cultura e novas tecnoloxías; ou o informe As políticas culturais nas sete principais cidades galegas, realizado para o Consello da Cultura Galega. Ademais de membro da International Sociological Asociation y da Asociación Galega de Socioloxía, entre 1994 y 1998 foi presidente da Asociación Española de Sociología de las Artes y la Cultura.