DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través de vídeo conferencia

A Universidade participa coa ministra Valérie Pécresse na apertura de curso francés

O acto serviu como punto de partida dunha nova edición do IP "Dereito e Tradución"

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 04/09/2009

A poucos días do inicio oficial do curso, a Universidade de Vigo participou este venres na apertura de curso francés, un evento que contou coa participación da ministra de Ensino Superior e Investigación, Valérie Pécresse. A combinación entre as novas tecnoloxías, neste caso a vídeo conferencia, e a forte aposta polos proxectos de internacionalización permitiron á institución participar nunha experiencia, que o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, calificou como “pioneira”.
A vídeo conferencia serviu como punto de partida para botar a andar unha nova edición do IP Dereito e Tradución, un intenso programa de formación no que Vigo participa xunto a outras cinco universidades europeas: Lorient (Francia); Ventspils (Lituania), Magdeburg (Alemaña) e Bucarest. “Unha mostra inmellorable de colaboración para difundir achegas académicas de primeiro nivel en torno ao dereito e a tradución”, sinalou o vicerreitor, que estivo acompañado polas coordinadoras do IP na Universidade, as profesoras Iolanda Galanes e Susana Cruces.
Na súa intervención a ministra francesa manifestou un elevado interese en que o programa se desenvolva en francés e inglés, pero tamén considerou axeitado que non se desbote a posibilidade de empregar o francés e o aleman coma linguas de traballo e interacción co francés. Doutra banda, durante a súa conversa coa profesora de Letonia chegaron a conclusión de que era moi interesante formar profesionais de francés cara a letón e outras linguas nas que existe unha demanda pero non hai formación específica nun tema tan especializado e de tanta importancia como é a interpretación en tribunais e en todo o ámbito xurídico.
Valérie Pécresse amosouse tamén interesada en coñecer de primeira man a acollida que estaba a ter o programa por parte dos estudantes nos diferentes países participantes.

O IP forma profesionais de alto nivel en tradución xurídica

Os programas intensivos son programas de estudo de corta duración nos que participan estudantes e persoal docente de institucións de educación superior de diferentes países co obxectivo de fomentar a ensinanza multinacional sobre temas especializados que, do contrario, non se ensinarían en ningunha institución e que inciden nos aspectos comparativos de funcionamento dos países da UE.
O programa diríxese sobre todo aos estudantes dos últimos cursos de Traducción e Interpretación pero está aberto tamén aos alumnos e alumnas de Dereito. Durante os quince días que dura o IP, ademais das conferencias e obradoiros de traballo o programa inclúe outras múltiples actividades de carácter complementario, que van desde as visitas a tribunais, xogos de rol ou a visión de películas sobre os temas tratados.
“Unha das cousas que máis valorou o alumnado foi poder acudir a vistas orais, pois permitiron ver en directo como funciona a parte de penal”, indicou a profesora Susana Cruces, en relación ao IP do curso pasado cuxa estancia tivo lugar na Université de Bretagne-Sud en Lorient (Francia). “O balance desta estancia foi moi positivo, tanto os estudantes coma os propios docentes aprendemos moitísimo. É unha actividade moi intensa na que aprendes moito en moi pouco tempo, pero que resulta tremendamente enriquecedora”, engadiu.
O programa permite aos estudantes convivir con alumnado de diferentes países que está a cursar a súa mesma titulación. Ao tempo coñecen por boca dun especialista en Dereito ou en Lingua da outra universidade como funcionan as cousas en cada un dos países participantes, “é un excelente xeito de coñecer os diferentes sistemas xurídicos que conviven na UE, sen necesidade de estudalos propiamente, senón que son os propios expertos de cada un deles os que te introducen nel e te permiten establecer diferenzas con respecto ao teu propio sistema”, insistiu a profesora Iolanda Galanes.

Quince días de formación intensiva en Magdeburg

Se o ano pasado lle tocou a Lorient este curso a cita será en Magdeburg (Alemaña) probablemente as dúas primeiras semanas de marzo, se ben as datas concretas se decidiran nunha reunión que manterán todos os coordinadores nesta cidade alemá a mediados de mes. A partir de entón, probablemente no mes de outubro, abrirase a convocatoria para que poidan inscribirse todos os estudantes que estean interesados en participar. Seleccionaránse cinco estudantes de cada universidade, “en total serán un grupo de trinta ao igual que o curso pasado”, indicaron as profesoras que fixeron fincapé no feito de que os estudantes que participen no programa terán cubertos os gastos tanto de transporte como de aloxamento e manutención.

Un programa moi demandado

O curso pasado a ampla demanda de solicitudes para participar no programa obrigou a facer un proceso de selección no que foron elixidos os cinco mellores candidatos. “Os requisitos son estar últimos cursos, asistir a unha serie de clases preparatorias e pasar unha proba de lingua e de tradución”, subliñou Cruces, ao tempo que lembrou a excelente formación que van recibir os beneficiarios.
O ano pasado o IP centrouse en tres temáticas: penal, civil e mercantil. “O que se fixo foi escoller un tema de cada un deles. Por exemplo, en penal traballamos o tema da custodia do neno dun matrimonio mixto que se divorcia; en mercantil afondamos nos diferentes tipos de empresa e, en civil, aproximámonos aos dereitos humanos e fíxose como práctica un interrogatorio policial”, explicou Iolanda Galanes. As temáticas a tratar este curso decidiranse na próxima reunión en Magdeburg.
As coordinadoras viguesas aproveitaron tamén a ocasión para lembrar que nos estados membros da UE non hai unha lexislación unificada que especifique a formación que deben ter aquelas persoas que teñen que traducir ou interpretar ante tribunais. “Un exemplo moi claro para o caso español é que para o Ministerio de Xustiza en España a formación máxima que se lle pide a persoa que vai traballar de tradutor e intérprete nun tribunal é o bacharelato, cousa que é absolutamente insuficiente, pois non garante a adecuada calidade do traballo en cuestións que son sumamente importantes”, sinalou Susana Cruces.
Tras a estancia en Lorient e Magdeburg, no curso 2010-2011 esta cita internacional terá lugar en Vigo.