DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco do proxecto SeaMAX presentado esta mañá na ETSE de Telecomunicación

A Universidade participa na consecución dun produto para mellorar as comunicacións marítimas mediante tecnoloxía WiMAX

O Grupo de Tecnoloxía da Información e a empresa Quobis deseñaron equipos de banda ampla con conecti

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Lucía Costas DUVI 06/10/2009

Análise, deseño e caracterización de solucións de conectividade sen fíos de banda ampla con tecnoloxía WiMAX en contornas marítimas costeiras, así é como se define o proxecto SeaMAX, do que hoxe se presentaron os seus resultados na ETSE de Telecomunicación. O Grupo de Tecnoloxía da Información (TC-1) da Universidade de Vigo participou neste estudo, como parte da Plataforma Tecnolóxica das TIC Vindeira, liderada pola empresa Quobis Networks e na que tamén colaboran Wireless Galicia, o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e o Grupo GTEC da Universidade da Coruña.
O obxectivo principal do proxecto, que comezou en novembro de 2007, foi “acadar o coñecemento acerca das utilidades das tecnoloxías de comunicación móbiles de banda ampla para a súa aplicación no mar con garantía de servizo”, explicaba Elías Pérez, xerente de Quobis Networks. Segundo Javier González Castaño, profesor e director do grupo de investigación vigués, “o propósito residiu fundamentalmente na montaxe de redes de comunicación en sistemas mariños, en acadar un produto de telecomunicacións que sexa un referente a nivel mundial no eido das comunicacións marítimas”.

Conectividade sen fíos e simulador de canle

Unha das máis crecentes demandas do sector marítimo no tocante a infraestruturas e servizos é a necesidade de comunicacións de banda ampla fiables, robustas, operativas e economicamente competitivas. As tecnoloxías tradicionais presentan diferentes problemas, limitacións e un alto custe. “O proxecto SeaMax propón o desenvolvemento de solucións de comunicacións ao redor da tecnoloxía de acceso radio WiMAX 802.16 como alternativa para superar estas deficiencias”, apuntaba Pérez. WiMAX é un conxunto de normas que definen a capa física de acceso radio apoiada para acceso metropolitano, que proporciona gran distancia de conexión, encriptación e alcance.
Dende o punto de vista organizativo o proxecto dividiuse en dous subproxectos. O Grupo de Tecnoloxía da Información xunto con Quobis Networks abrangueu as principais problemáticas asociadas coas comunicacións de radio na contorna marítima, co fin de deseñar equipos de telecomunicacións de banda ampla con capacidade de conexión mallada e conectividade IP, “de maneira que se permita a prestación de servizos multimedia”, subliñaba Pérez. “Nós encargámonos de estudar as redes nas que uns barcos actúan como repetidores doutros para aumentar o alcance das comunicacións no mar”, explicaba González Castaño.
Por outra banda, Wireless Galicia, o ITG e o Grupo GTEC da Universidade da Coruña centráronse no estudo da canle de radiocomunicacións marítimas e na influencia do medio para as modulacións multiportadoras. Neste caso, fixéronse probas de campo a través dun emulador de canle para o estudo e avaliación de comunicacións WiMAX móbiles mariñas en laboratorios.
Todos estes traballos e resultados foron presentados, ao longo da mañá, por diferentes membros das entidades participantes no proxecto nun workshop ao que asistiron varias ducias de estudantes e profesionais. Deste xeito, trala presentación do SeaMAX e o seu consorcio, Xurxo Cegarra e Iván Pozuelo, de Wireless Galicia e Luis Castedo, do grupo de investigación da UDC expuxeron a súa parte do estudo. A segunda parte das conferencias abrangueu o apartado das redes e equipos WiMAX onde interviron Pablo Sendín, do grupo TC-1 e Manuel Lugilde, da empresa Quobis Networks.

Aplicabilidade e logros

Ademais de mellorar os actuais sistemas de telecontrol, telemedida e telemando, a aparición dun produto como este no mercado “axudará á dinamización do sector das telecomunicacións profesionais”, explica o xerente de Quobis Networks, “establecendo tamén novas oportunidades de negocio para operadores sen fíos especializados en cobertura de zonas costeiras e de plataforma continental”, engade.
Financiado pola Xunta de Galicia, mediante o Plan Galego de I+D, trátase dun proxecto SUMA, como así o denomina o Plan IN.CI.TE., de colaboración entre empresas e outros axentes do Sistema Galego de Innovación, que conta cun orzamento de máis de 250.000 euros do cal a Consellería de Economía e Industria subvenciona o 74,69%.