DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coordinado pola empresa DiagnóstiQA, participan tamén Insega e Proyestegal

A Universidade participa nun proxecto para mellorar a xestión enerxética intelixente e automatizada de edificios

O obxectivo é o procesamento en tempo real da información procedente da monitorización e simulación

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Investigación
M. Del Río DUVI 22/11/2018

Os edificios terciarios, é dicir os que teñen como finalidade a prestación de servizos ao público, empresas ou organismos, son un dos principais consumidores de enerxía. Estímase que o 40% da enerxía mundial consúmese nos edificios urbanos e, aproximadamente, o 40% son edificios comerciais. Por este motivo, traballar na eficiencia enerxética deste tipo de construcións é unha das liñas estratéxicas da Unión Europea, que se plasma no documento Unión pola Enerxía. O proxecto Inmena alíñase con esta proposta e reúne empresas e investigadores da Universidade de Vigo para desenvolver ferramentas de alta automatización que posibiliten unha xestión enerxética activa das demandas das edificacións tendo en conta os usos e favorecendo un equilibrio entre confort-calidade en interiores e consumo enerxético de todas as instalacións dun edificio.

Este xoves os catro socios deste consorcio reuníronse no campus de Vigo para debater os aspectos técnicos do proxecto, liderado por DiagnóstiQA Consultoría Técnica, cun orzamento de 693.195 euros. Xunto con esta empresa, participan os grupos de investigación GTE e Geotech da Universidade de Vigo e as compañías Insega e Proyestegal, nunha iniciativa que arrancou en marzo e se estenderá ata setembro de 2020. O proxecto está subvencionado pola Axencia Galega de Innovación a través do programa Conecta Peme, unha convocatoria de axudas que tratan de fomentar a cooperación entre as pequenas e medianas empresas e os demais axentes do sistema rexional de innovación, neste caso da Universidade de Vigo, con proxectos de I+D+i relacionados con áreas estratéxicas para Galicia, identificadas no RIS3.

Enrique Granada, investigador principal da área de eficiencia enerxética en edificación do Grupo de Tecnoloxía Enerxética, explica que o obxectivo do proxecto “é a inspección e monitorización automatizadas para a xestión enerxética activa segundo os usos de edificación”. Lembra que para 2030, a Unión Europea marcouse o obxectivo de mellorar a eficiencia nun 27% e, neste contexto, débese considerar o rol da edificación, xa que supón o 40% da enerxía total. Os expertos remarcan que o 75 % do parque de vivendas da UE é ineficiente dende o punto de vista enerxético e, de aquí a 2025, os edificios deberán estar equipados con sistemas de automatización e control cando se considere técnica e economicamente viable.

De cara a unha plataforma de xestión enerxética intelixente

Os membros do consorcio explican que nestes meses traballarase para obter un conxunto de equipos e software que operen “separada ou coordinadamente dando lugar a unha plataforma de xestión enerxética intelixente e automatizada de edificios baseada na integración e procesamento en tempo real da información procedente da monitorización, simulación e regulación das instalacións”. Esta ferramenta permitirá simular e establecer as pautas para a mellora continua da eficiencia enerxética dos edificios, “que é o primeiro paso para un efectivo e amplo despregue de medidas que aforren enerxía en edificacións existentes que son o 40% do consumo actual”.

Os obxectivos concretos deste proxecto pasan por reducir un 50% os tempos de inspección e monitorización de edificacións existentes, así como a elaboración dun modelo tridimensional dos datos obtidos para facilitar a toma de decisións enerxéticas e de rehabilitación. Por outra banda, preténdese acadar un aforro do 25% nos custes enerxéticos relativos á climatización de edificios e un 15% de aforro nos custes de iluminación “grazas a unha adecuada modelización de requisitos de acondicionamento de edificacións ao considerar a variable usos e confort na ecuación enerxética”. 

Tamén se deseñarán ferramentas de modelizado de eficiencia cun retorno garantido en dous anos debido ao calibrado adecuado dos modelos con información contrastada de confort interior e condicións exteriores. Finalmente, o consorcio traballará para dispor de ferramentas de visualización e predición que favorezan a implantación de medidas de eficiencia enerxética en edificios de alta demanda como son o sector terciario e industrial, e especialmente en contornas nas que o confort é un factor clave.