DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coordinado pola Universidade Técnica de Munich

A Universidade participará nun proxecto de cooperación educativa en mecatrónica

A iniciativa foi seleccionada pola Comisión Europea para o intercambio de estudantes europeos e aust

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Sara Alcázar DUVI 14/01/2010
Australia e Vigo estarán máis preto que nunca, a pesares da distancia real que as separa, grazas a un proxecto de mobilidade educativa no que a Universidade está involucrada. Esta iniciativa, coordinada pola Universidade Técnica de Munich, ten a finalidade de crear un programa de intercambio internacional entre estudantes e docentes procedentes de Australia e varios países de Europa. O proxecto foi seleccionado pola Comisión Europea por estar en harmonía cos principais obxectivos da convocatoria, proposta pola Axencia Executiva de Educación, Audiovisual e Cultura (EACEA), responsable da xestión de determinadas partes dos programas da UE nos ámbitos da educación, a cultura e o audiovisual. Neste momento, o proxecto está a espera da súa aprobación definitiva, que depende das axudas por parte das institucións australianas e o visto bo da UE.

Proxecto de intercambio entre enxeñeiros

Un total de 84 alumnos (42 estudantes de Alemania, Polonia e España e 42 estudantes de Australia) participarán no programa de mobilidade posto en marcha pola universidade alemá en colaboración con outras institucións europeas entre as que se atopa a Universidade de Vigo, onde Ignacio Armesto, profesor do Departamento de Enxeñería de Sistemas e Automática, é un dos coordinadores. Baixo o título Intercultural Excellence in Mechatronic Engineering Education, este proxecto ten o obxectivo de formar aos participantes no eido da mecatrónica e contribuír no seu progreso, posto que na actualidade existe unha gran demanda de enxeñeiros especialistas ante a necesidade do mercado de equipos avanzados e o emprego da robótica. A proposta establece un curso totalmente novo baseado no plano internacional da electrónica, mecánica, informática e teoría do control, no que se espera un bo equilibro nos fluxos de mobilidade por parte dos alumnos. “Estamos abrindo unha fronte de interacción con Australia, que permitirá ao alumnado estudar nos centros adscritos a esta proposta” declarou Armesto. “Ademais, esperamos que haxa unha importante reciprocidade formativa e unha forte presenza de estudantes vigueses no continente oceánico” engadiu o profesor. Cada estudante poderá gozar de catro meses na súa estadía no estranxeiro, onde ten a posibilidade de escoller entre a Universidade de Melbourne, o Royal Melbourne Institute of Technology ou o centro Curtis University of Technology para continuar os seus estudos. O proxecto, que terá un duración total de 36 meses, rematará en outubro do 2012.

Expectativas positivas para a proposta da universidade alemá

Todos os proxectos presentados ante a EACEA foron valorados por expertos independentes do mundo académico, que pareceron quedar abraiados coa proposta da Universidade de Munich.
Na súa avaliación, a comisión destacou de forma moi positiva o papel desempeñado polos docentes no programa de cooperación educativa, posto que o seu labor está pensado dun xeito moi estratéxico. Ademais, os expertos salientaron os beneficios reportados aos estudantes, que participarán no contorno da industria en diferentes países, amais de favorecer ao resto do alumnado das universidades involucradas aínda que non pertenzan ao proxecto.
Unha vez seleccionada pola EACEA, a proposta debe superar a derradeira proba para optar a unha subvención que lle permitirá financiar as fórmulas de intercambio entre os estudantes. Dende a Universidade de Vigo hai moi boas expectativas para a posta en marcha deste proxecto. Segundo Armesto “é moi probable que saia adiante, posto que se trata dunha proposta importante para o alumnado e o eido da mecatrónica”. Na actualidade, os socios encargados do proxecto están a ultimar os derradeiros detalles, como as reunións entre os docentes das seis institucións involucradas co fin de discutir o intercambio de estudantes, determinar un programa formativo dirixido aos alumnos participantes no proxecto e definir a traxectoria desexada.