DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Consello de Goberno aproba as únicas medidas independentes da produción científica en España

Unha universidade pioneira en dispor de criterios propios para avaliar a produción de transferencia

Luz verde aos criterios de promoción ao corpo de catedráticos e aos de cómputo de carga docente bási

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 14/11/2011
A Universidade de Vigo é desde hoxe a primeira de España en dispor de criterios de seu para avaliar a transferencia de coñecemento. Estes criterios aplicables aos méritos correspondentes aos anos 2009 e 2010, permitirán unha avaliación da transferencia independente da produción científica, o que os converte nos primeiros do seu xénero no panorama universitario español. “Ata o de agora unicamente se valoraban moi poucos indicadores, en realidade so as patentes”, explica o vicerreitor de Transferencia do Coñecemento, José Antonio Vilán, “esquecendo outros tan importantes como a facturación externa que pon de manifesto a transferencia que fai á sociedade”. Os criterios que o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, cualificou como “un primeiro paso no recoñecemento do traballo do Persoal Docente e Investigador (PDI)”, foron aprobados por asentimento na sesión ordinaria de Consello de Goberno celebrada este luns e na que entre outros asuntos tamén se deu luz verde, aínda que con votos en contra, os criterios e procedemento de promoción ao corpo de catedráticos e os criterios de cómputo de carga docente básica en titulacións de grao.

Na sesión o reitor informou aos membros do Consello de Goberno das cifras de matricula de este curso no que se rexistraron 3619 ingresos nos primeiros cursos dos graos, o que supuxo un 91,4% de ocupación. Salustiano Mato que incidiu en que a institución “segue a achegarse ao punto de equilibrio entre oferta e demanda”, fixou en 22.744 o total de estudantes matriculados este curso 2011-2012 en todas as titulacións que se imparten na Universidade. O reitor tamén deu conta da sesión do Consello Galego de Universidades no que se aprobaron os criterios de reparto do 5% de financiamento estrutural, unha porcentaxe que o vicerreitor de Economía e Planificación, Xosé Manuel García, lembrou que chegará ao 20% no ano 2015 o que significa que “un terzo do financiamento do Sistema Universitario Galego será por resultados, que era a nosa aposta”.
Pola súa banda o vicerreitor de Alumnado, Docencia e Calidade, deu conta do proceso de seguimento das titulacións oficiais, confirmando o envío a Axencia de Calidade do Sistema Universitario Galego (ACSUG) dun total de 103 títulos de grao e mestrados. Barcia agradeceu o labor desenvolvido nos centros nun proceso, lembrou, “determinante para renovar a acreditacións das titulacións ofertadas”.

Valorización propia da transferencia do coñecemento

Coa finalidade de potenciar a actividade relacionada coa transferencia do coñecemento a Universidade elaborou uns criterios xerais que coinciden cos de produción científica e outros específicos que contemplan índices de produción entre os que están contemplados: os proxectos, as colaboracións e convenios con empresas; os contratos de licenza; a propiedade industrial; a creación de empresas de base tecnolóxica; os resultados da creación artística; a creación literaria; software libre e open source; as actividades de promoción e as de transferencia social, cultural e educativa. José Antonio Vilán que cuantificou en 65.000 euros o orzamento dispoñible no ano 2011 para o reparto de produción de transferencia correspondente aos anos 2009-2010, citou como referencias utilizadas para a confección dos índices, entre outros, a proposta de borrador de Estatuto del Personal Docente e Investigador de las Universidades Públicas Españolas; o cadernos técnicos da REedOTRI (CRUE); os Indicadores de Transferencia de Conocimiento do CSIC ou as leis 2/2011 de Economía Sostenible e 14/2011 de Ciencia, Tecnología e Innovación.

Aprobados os criterios para a promoción a o corpo de catedráticos e o traballo fin de grao

Con 24 votos a favor, catro en contra e tres abstencións, o Consello de Goberno aprobou os criterios e procedementos de promoción ao corpo de catedráticos. A vicerreitora de Organización Académica, Profesorado e Titulacións, Margarita Estévez, explicou que a normativa que substitúe aos criterios aprobados no ano 2009 contempla a realización dunha convocatoria anual de promoción na que, en función da dispoñibilidade orzamentaria, o Consello de Goberno aprobará anualmente o número de novas prazas do corpo de catedráticos. “En canto aos criterios de priorización de áreas e solicitantes establécese un dobre criterio: pola composición da plantilla da área do solicitante e por méritos”, explicou Estévez que confirmou que a primeira convocatoria de promoción realizarase no mes de maior de 2012.

A proposta defendida polo equipo de Goberno topou co rexeitamento de Nova Universidade, cuxo líder, Jaime Cabeza, asegurou que con estes criterios “pasamos dun sistema de criterios obxectivos a un criterio continxente de número de prazas, polo que deixamos de ter un dereito”. Cabeza argumentou que a Universidade de Vigo está por debaixo da media de catedráticos das universidades españolas e demandou un “sistema obxectivo e non que o Consello de Goberno fixe un número de prazas”. Argumentos que primeiro o vicerreitor de Economía de Planificación e logo e reitor rexeitaron, asegurando Xosé Manuel García que “esta proposta é unha garantía para quen ten condicións para promocionar, un dereito que non se cercena”. Pola súa banda o reitor Salustiano Mato asegurou que “todo o mundo terá dereito pero en función da disponibilidade orzamentaria, xa que se se multiplica a demanda de prazas non é asumible”.

A aprobación dos criterios de cómputo de carga docente básica en titulacións de grao foi outro dos puntos para o debate no Consello de Goberno. Desta volta foron os parámetros empregados para o cómputo das horas totais de carga docente básica por grao o elemento de discordia entre o equipo de Goberno, membros de Nova Universidade e os representantes sindicais e algúns directores de centro. Mentres o reitor insistiu en que se trata de “parámetros axustados a unha universidade que aspira á calidade” e que “este é un documento vivo que vai evolucionar”, o representante da UGT do PDI de Pontevedra, Bienvenido Díez, demandou unha avaliación exacta do persoal necesario e un recoñecemento especial para actividades como os traballos fin de grao. Desde as filas de Nova Universidade, Jaime Cabeza felicitou á vicerreitora de Organización Académica, Profesorado e Titulacións, Margarita Estévez, pola iniciativa, pero demandou unha Relación de Postos de Traballo (RPT) de profesorado e tamén un cómputo específico da carga total de traballo máis alá do grao. Pola súa banda os directores das escolas de Enxeñaría e Minas e a directora de Telecomunicación demandaron unha modificación para as ensinanzas técnicas.

Cooperación ao desenvolvemento cun código de conduta e escola infantil á espera de licenza

O Consello adheriuse ao Código de conducta de las universidades en materia de cooperación al desarrollo promovido pola Comisión de Cooperación al Desarrollo adscrita al CEURI-CRUE no ano 2005. Dividido en seis apartados e 31 artigos, o código representa a vontade das universidades que integran a CRUE de axeitar a cooperación universitaria ao desenvolvemento ás pautas que nel se establecen que teñen como obxectivo o fortalecemento dos sistemas universitarios e o fomento do acceso aos estudos universitarios. Unha finalidade á que se suma a da colaboración para superar as dificultades e contradicións asociadas aos procesos de erradicación da pobreza e de desenvolvemento, fomentando o avance en áreas de investigación axeitadas a estes obxectivos.

Na quenda de rogos e preguntas en resposta a cuestión formulada por Xoan Cebro representante da CIG na Xunta de Persoal Funcionario de Administración e Servizos, o vicerreitor de Economía confirmou que o inicio das obras de construción da escola infantil do campus de Vigo está pendente da licenza que debe outorgar o Concello de Vigo, unha vez aprobado o plan de cambio de uso e a súa posterior publicación no DOG.