DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa entrega dos II Premios Consello Social UVigo-Humana

A Universidade pon en valor o labor solidario da asociación Provivienda e do Fondo Galego de Cooperación

Tamén se entregararon os premios aos mellores TFM/TFG en materia de Axenda 2030

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Premios
  • Reitor
  • Institucional
D. Besadío DUVI 18/12/2020

Ás portas do Nadal e na celebración do Día Internacional do Migrante, a Universidade de Vigo quixo pór en valor o traballo solidario que día a día levan a cabo todas as persoas que forman parte da asociación Provivienda e do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, as dúas entidades que este venres recibiron o II Premio Consello Social UVigo-Humana, galardóns cos que a institución académica viguesa busca recoñecer o labor desenvolto por persoas físicas, institucións e organizacións non gobernamentais, tanto galegas como internacionais, que teñan sobresaído pola súa traxectoria en calquera ámbito vencellado coa solidariedade e a cooperación. Tal e como se subliñou no acto, as dúas entidades representan o traballo “extraordinario” que se está a facer dende a comunidade galega para axudar a conseguir os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, son o presente, pero desde a UVigo ponse tamén en valor o futuro, “a canteira”, recoñecendo o compromiso do seu alumnado máis implicado con todas estas causas cos premios aos mellores TFM/TFG en materia de Axenda 2030.

Foi unha cerimonia de entrega de premios  distinta, levada a cabo cun estrito protocolo anticovid na sala 1 do edificio Miralles, á que só asistiron as persoas premiadas e as autoridades, e retransmitida en directo a través de UVigoTV.  Participaron o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa; a vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, Maribel Doval e, en nome de Provivienda, recolleu o galardón Ana Pardo, responsable territorial da asociación, e en representación do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade contouse coa participación de Juan González, alcalde de Nigrán e presidente desta entidade.

Reigosa: “Hoxe é un día no que a Universidade pode permitirse soñar”

“Hoxe é un día no que a Universidade pode permitirse soñar, porque todos eses retos de desenvolvemento sostible, que sempre estiveron presentes na nosa sociedade, aínda que somos conscientes que son moi difíciles de acadar, hai persoas dispostas a traballar, con esforzo e traballo, para facelos posibles”, subliñou Manuel Reigosa, nunha intervención na que tamén destacou que a institución leva nas súas raíces o compromiso co desenvolvemento social, coa Igualdade, a todos os niveis, e con todas aquelas actividades que permitan axudar a erradicar a pobreza, a fame… “Precisamos que todas as persoas que saen das nosas aulas teñan ben fortalecidos eses obxectivos e que pasen  a formar o fermento social para que todo isto se leve a cabo”, subliñou Reigosa, ao tempo que fixo fincapé  na importancia de “tecer redes”, pois, desde o seu punto de vista, só desde o traballo conxunto se poden conseguir cousas. “As entidades que hoxe premiamos dan boa mostra de que facendo as cousas en colectividade se poden acadar moitos dos obxectivos que nos formulamos”, recalcou o reitor, satisfeito porque “hai canteira, hai aliñación titular e tamén moita xente que leva comprometida moitísimo tempo e que vai seguir comprometida”.

Nesa liña de remarcar o carácter comprometido da Universidade de Vigo interveu tamén a vicerreitora Maribel Doval, que foi a encargada de conducir o acto. “Esta segunda edición dos premios demostra unha vez máis o compromiso continuado e entusiasta da Universidade de Vigo cos máis vulnerables, dentro e fóra das nosas fronteiras, en sintonía co sentir solidario da nosa comunidade, son premios que nos identifican, nos unen e nos fan moito mellores como comunidade universitaria”, recalcou a vicerreitora, intres antes de proceder á entrega de galardóns.

Provivienda, un fogar digno para máis de 300 persoas

No caso de Provivienda, premio correspondente  á categoría de ámbito galego, o xurado valorou en conxunto a traxectoria desta asociación, salientándose especialmente a súa actividade en Galicia. “Provivienda inicia a súa actividade nesta comunidade a principios do ano 2017 pero neste breve espazo de tempo vén desenvolvendo un importante labor en todo o relativo ao acceso a vivenda dende unha perspectiva integradora”, tal e como se explica na resolución do xurado.  Na actualidade ademais da sede en Vigo establecéronse tamén en Ourense e están comezando a súa actividade en Santiago de Compostela. A comisión recoñeceu neste caso o impacto do traballo realizado por unha asociación que, a pesares de levar pouco tempo implantada en Galicia, facilitou xa o acceso a unha vivenda digna a máis de 300 persoas. Valorouse especialmente a variedade de colectivos en situación de vulnerabilidade atendidos pola asociación e que inclúe familias monoparentais, persoas migrantes, persoas novas, persoas con diversidade funcional, minorías étnicas, refuxiados e solicitantes de protección internacional.

“Eu penso que a vivenda é fundamental para iniciar calquera proxecto de vida e para nós é un orgullo que hoxe se fale dela neste espazo”, salientou Carmen Pardo, ao tempo que recalcou que o galardón é o reflexo do traballo das 27 persoas que conforman o equipo de Provivenda en Galicia, “así como de todas as persoas que chegan á nosa porta buscando unha oportunidade de iniciar un proxecto de vida novo e aos propietarios que deciden de xeito voluntario pór as súas vivendas a disposición destas persoas”.

Impulsando a cooperación internacional desde os concellos

A categoría de ámbito internacional foi neste caso para o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade que dende o ano 1997 vén realizando labores de cooperación internacional para o desenvolvemento cos países do sur e a sensibilización da cidadanía galega arredor dos retos e das desigualdades sociais. A comisión valorou moi positivamente o enfoque descentralizado da rede, “asumindo que o Estado non é o único actor con responsabilidade no ámbito da redución da pobreza e as desigualdades entre norte e sur”. Valoráronse tamén os logros acadados superando na actualidade os 150 proxectos desenvolvidos en máis de 20 países, entre eles Nicaragua, Cuba, Perú, Cabo Verde, Mozambique e os territorios palestinos.

“É un premio que nos dá enerxía para continuar traballando para que sexan unha realidade os obxectivos 2030 que, ás veces, parecen unha utopía, pero que si traballamos xuntos temos posibilidade de conseguilos”, salientou o seu presidente, Juan González, quen tamén apuntou que o galardón “recoñece o labor dos máis de cen concellos de Galicia e tres deputacións que apostan por traballar en rede e facer cooperación internacional desde o ámbito local”.

Un agarimo para os mellores TFG/TFM relacionados coa Axenda 2030

O acto iniciouse coa entrega dos premios aos mellores TFG/TFM en temáticas relacionadas coa Axenda 2030, Cooperación ao Desenvolvemento e Responsabilidade Social. En total recibiron o galardón cinco alumnas e un alumno: polo ámbito de Arte e Humanidades, María Doira Barrio, alumna do Grao en Belas Artes, polo traballo El capital me sienta mal; en Ciencias e Ciencias da Saúde, Marta Pita, do Máster Universitario en Investigación Química e Química Industrial, polo traballo Rol de los marcadores químicos y la tecnología Blockchain en la trazabilidad de fibras sostenibles; en Ciencias Sociais e Xurídicas, Lucía Belén Rendo e Deborah Celeste Prieto, alumnas do Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible,  polos traballos Aplicación de las ciencias del comportamiento a la segregación de residuos. Un estudio en el Hospital Álvaro Cunqueiro e RSEduca: El centro educativo como eje transformador para la sostenibilidad y valores en la educación. Por último, en Enxeñaría e Arquitectura, os galardóns entregaranse a Natalia Úrsula García, do Grao en Enxeñaría en Organización Industrial, polo traballo La innovación en el centro de la transformación del modelo tradicional de asistencia social. Análisis de las sinergias entre la aplicación de las TIC y la creación de redes de actuación colaborativas; e Duarte López, do Grao en Enxeñaría Mecánica, por Estudio y caracterización de reductoras y limitadores de par magnéticos.

“Sodes un bo exemplo da mocidade que amosa cos seus traballos o compromiso coa sociedade”, díxolles o reitor, ao que Ernesto Pedrosa engadiu que “tróuxovos aquí o esforzo e o traballo e iniciades unha traxectoria que seguro será brillante”.