DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Reitor e conselleiro de Industria entregaron o Premio Ideas con Valor a unha aplicación móbil para p

A Universidade potencia o emprendemento para facer fronte á crise

Presentouse un programa para formar ao alumnado na posta en práctica de ideas empresariais

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 20/12/2011

Hai que errar moitas veces antes de acadar o éxito buscado. Pero esa cultura do esforzo e do fracaso leva aos empresarios a acabar dando na diana coa idea definitiva. En España en xeral, e nas universidades en particular, esta filosofía de aprender errando no eido empresarial non está asimilada, queda moito camiño que percorrer no fomento do emprendemento e do traballo por conta propia entre o estudantado. Para a Universidade de Vigo esta converteuse nunha das súas apostas, “porque o levamos no noso ADN”, como explica o reitor, Salustiano Mato. Mostra desta implicación é o Programa de Formación Integral para o Emprendemento, organizado pola Cátedra Bancaja Xoves Emprendedores en colaboración coa Área de Emprego da Universidade e BIC-Galicia presentado este martes da man do reitor e do conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra.

“O noso centro de gravidade”, explicaba o reitor, “é o alumnado, eles deben ser o cerne das nosas actuacións que deben pasar pola formación no emprendemento”. Destacaron Mato e Guerra a oferta de programas de apoio, titorización e financiamento para aqueles mozos e mozas con ideas empresariais pero coincidiron na necesidade de incluír a formación en emprendemento nos programas académicos. Segundo os datos ofrecidos polo reitor, “do seo da Universidade de Vigo xurdiron nos últimos anos máis de 100 empresas” que constrúen o futuro do tecido empresarial galego.

O conselleiro amosou o seu convencemento de que “en tempos de crise non podemos optar por solucións conxunturais, senón por perspectivas a longo prazo que doten ao sistema de estabilidade fronte a crises cíclicas, e moitas desas respostas están no emprendemento”. Guerra destacou a necesidade de ir cambiando a imaxe negativa que se ten dos empresarios, “un cambio cultural relevante polo que apostan esta Universidade e a administración autonómica” e remarcou que para iso é preciso recoñecer publicamente o esforzo de aqueles que optan por poñer en marcha as súas propias empresas. Neste sentido subliñou que tanto dende a Xunta como dende a institución académica a axuda que se presta a estes novos empresarios pasa pola motivación e por facilitarlles os trámites, pero tamén pola formación en emprendemento, “hoxe imprescindible” e polas achegas no financiamento. Neste último punto, destacou que están á disposición dos futuros empresarios catro liñas de capital risco que ofrecen 33 millóns de euros.

Premio Ideas con Valor

No transcurso deste acto de apertura do Programa de Formación Integral para o Emprendemento fíxose tamén entrega do 1º Premio Ideas con Valor, que recaeu en José Iglesias, alumno de 4º de Enxeñería Industrial. Convenceu ao xurado con Izytaxi, “unha aplicación para smartphones e tabletas que xestiona as peticións de taxi sen necesidade de realizar chamadas telefónicas”, apunta o gañador, polo que é de moita utilidade para persoas xordas ou mudas. Aínda que a idea está en fase de deseño, José Iglesias, que tamén estuda Administración e Dirección de Empresas na UNED, non descarta poñela en práctica, “porque a crise non debe frear as boas ideas”.

A directora da Cátedra Bancaja Xoves Emprendedores, Ana Gueimonde e o director da Área de Emprego, Ignacio Armesto, foron os encargados de presentar algunhas das iniciativas deseñadas para formar ao alumnado neste eido. Entre elas, o Programa de Formación Integral para o Emprendemento, que este martes botaba a andar, e que inclúe formación en autoemprego en contornas cooperativas e colaborativas xunto coa iniciativa 7 meses 7 experiencias, para achegar os universitarios á realidade dos empresarios.

Por outra banda, amosaron aos alumnos e alumnas outros recursos e iniciativas como a pre-incubadora e o concurso Incuvi-Emprende, que seleccionará as mellores ideas empresariais que estrearán estas novas instalacións do campus de Vigo.

Nesta xornada, os matriculados asistiron tamén á primeira actividade académica do programa, o relatorio de Daniel Cerqueiro, ex alumno da Universidade que lles presentou a súa aposta empresarial, Galinus, a empresa tecnolóxica que fundou en Corcubión. Esta iniciativa empresarial innovadora serviulle para amosar a súa experiencia e o camiño que percorreu para pasar das aulas universitarias a converterse en empresario.