DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Teatro Principal de Pontevedra acolleu a XXVI Gala do Deporte da institución académica

A Universidade premia 30 referentes dos valores esenciais do deporte

O evento combinou o recoñecemento aos logros do alumnado coas distincións a persoas e colectivos

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Eduardo Muñiz DUVI 28/11/2017

O compromiso, o traballo en equipo, a constancia, o afán de superación, a procura da excelencia, a solidariedade ou a promoción de estilos de vida saudables. Estes son algúns dos valores esenciais da práctica deportiva que a Universidade de Vigo quixo facer visibles na XXVI Gala do Deporte, celebrada na noite deste martes no Teatro Principal de Pontevedra. 30 persoas e colectivos foron distinguidos nun acto no o xogador de balonmán David Chapela obtivo a mención ao deportista universitario do ano e no que a Área de Benestar, Saúde e Deporte da institución académica buscou non só premiar os logros acadados ao longo do pasado curso polos seus e as súas deportistas en diferentes competicións, senón tamén a contribución de diferentes persoas e colectivos, dentro e fóra da Universidade, na defensa e difusión destes valores.

“Todos os premiados e premiadas, así como a nosa madriña de excepción”, a tenista pontevedresa, recentemente retirada, Lourdes Domínguez, primeira galega en situarse entre as 50 melloras xogadoras de tenis do mundo, “son un exemplo para a sociedade”, salientou o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, nesta “festa do deporte que levamos celebrando practicamente desde o inicio da Universidade”. Unha festa que, engadiu, amosa a aposta da institución académica pola práctica deportiva como “parte integral da formación persoal”. Conducida pola xornalista Marga Pazos, e completada polas actuacións da compañía de Pablo Méndez e do Coro do Campus, esta XXVI Gala do Deporte reuniu no Teatro Principal á secretaria xeral para o Deporte da Xunta, Marta Míguez; o vicerreitor do campus de Ourense, Virxilio Rodríguez; o presidente do Consello Social da Universidade, Ernesto Pedrosa, a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro; o deputado provincial Carlos López Font, ou o xefe territorial de Deportes da Xunta en Pontevedra, Daniel Benavides. “Os beneficios da Universidade na súa contorna proxéctanse e multiplícanse a través do deporte”, engadiu o presidente do Consello Social nun acto que proxecta unha institución "enriquecida e conectada co pulso social”.

Éxitos deportivos e académicos

O alumno de Ciencias da Educación e do Deporte e xogador do Balonmán Cangas de Liga Asobal, Manuel Chapela, internacional coas categorías inferiores da selección española, coa que logrou proclamarse campión de Europa e subcampión do mundo, foi recoñecido como deportista universitario do ano nunha gala na que os últimos en subir ao escenario foron os gañadores e gañadoras dos Premios á Excelencia Deportiva 2015-2016. Con estes galardóns, prémiase ao alumnado que destacou tanto polos seus logros deportivos como académicos, neste caso as taekwondistas Lia de Araújo e Alejandro Losada; a loitadora Lydia Pérez, o atleta Adrián Pérez Souto e os integrantes do equipo de esgrima Natalia Rodríguez e Ignacio Francisco Pastor.

Previamente, a entrega de recoñecementos abriuse con aqueles e aquelas que o pasado curso situaron á Universidade de Vigo nos podios dos Campionatos de España Universitarios (CEU). Así o fixeron Noelia Lalín, Pablo García e Lydia Pérez, na competición de loitas olímpicas, na que tamén foi distinguido o ouro por equipos que conseguiu o equipo feminino. Tamén, o bronce logrado nos CEU polo equipo de taekwondo, xunto cos metais acadados por Alejandro Losada, Lía de Araújo, Beatriz Parada, Iván García e Pablo Fernández. Xunto a eles, foron premiados os integrantes do equipo de atletismo Adrián Pérez Souto, Leticia Fernández, Sergio Paredes e José Antonio Palomanes, e o nadador Marc Ciurana.

No relativo ás seccións federadas, a gala serviu para premiar ao equipo Universidade de Vigo-Escola de Xadrez Pontevedra polos seus éxitos deportivos e polo valor solidario que amosan co seu programa Estratexia pola Paz; ao xadrecista e gañador do Open Internacional de Andorra, Manuel Pena, e ao integrante do equipo de orientación Brais Piñeiro.

Premios a valores e compromiso

Nun acto dirixido a enxalzar méritos pero tamén valores e no que se lembrou á egresada e deportista María Ferreira, falecida recentemente nun accidente en Asturias, os premios buscaron tamén recoñecer a implicación e a traxectoria de persoas como o docente de Ciencias da Educación e do Deporte José Luis García Soidán, ou a egresada desta facultade Estela Doiro, xogadora do Mecalia Guardés, actual campión de liga de balonmán. Tamén houbo espazo para as sorpresas, xa que a Área de Saúde, Benestar e Deporte quixo recoñecer os dez anos de colaboración do estudante Rubén Fernández. A Asociación Juan XXIII e o seu labor de promoción do deporte foron recoñecidos co VI Premio Valor Solidario, nun acto no que tamén se homenaxeou o exemplo de superación do dermatólogo e triatleta Manuel Cruces co Premio Vida e a promoción do atletismo entre os máis novos da Ximnástica de Pontevedra.