DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade premiará a excelencia académica dos estudantes de bacharelato

Outorgaranse 50 ordenadores portátiles aos mellores expedientes de novo ingreso

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 26/06/2009

Co obxectivo de recoñecer e distinguir aos estudantes de novo ingreso con mellor expediente académico no Bacharelato, a Universidade abre a convocatoria dos Premios á Excelencia Académica 2009. Trátase de atender de maneira especial a aqueles estudantes que ao chegar á etapa universitaria se destacan por unha traxectoria curricular de excelencia nos estudos previos de bacharelato, un premio, segundo apuntou a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, Mª Carmen Cabeza, “a un esforzo continuado e un alto rendemento”.
Deste xeito, poderán ser galardoados cun ordenador portátil 50 estudantes “que agora se atopan agardando as cualificacións das probas de acceso á universidade”, explicou o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area. Esta é unha oferta “interesante que os estudantes deben coñecer” apuntou Area e “súmase ao outros programas e bolsas para o estudantado que accede á Universidade, institución que xa coñecen a través de visitas guiadas, feiras ou charlas nos institutos”.

Un recoñecemento á excelencia

Esta iniciativa enmárcase dentro das diversas actividades de difusión da excelencia académica e investigadora da Universidade de Vigo que, desta volta, quere recoñecer o traballo desenvolto polos estudantes que son beneficiarios do premio de excelencia académica da Xunta de Galicia, por aqueles que gañen olimpíadas científicas e por aqueles cuxa nota media no bacharelato sexa igual ou superior ao 8.5.
De acordo a esta división e segundo explicou Mª Carmen Cabeza, “30 dos premios irán destinados para aqueles que sexan seleccionados pola Xunta de Galicia co seu premio de excelencia; 10 serán para os potenciais gañadores (1º, 2º ou 3º) nas olimpíadas científicas ás que este ano se une por primeira vez a nivel autonómico unha en materia económica e, finalmente outros 10 serán os estudantes que acrediten unha puntuación igual ou superior ao 8.5 no expediente do bacharelato”. No caso de que queden sen outorgar premios nalgunha das categorías, serán acumulables nas outras.

Prazos e requisitos

A Universidade de Vigo pretende así distinguir a excelencia dos alumnos de novo ingreso, polo que os solicitantes deberán estar matriculados na institución no curso 2009/2010 e ter finalizado os seus estudos de bacharelato no curso 2008/2009.
No que se refire aos prazos, a convocatoria abrirase o 21 de setembro “unha vez que este novos estudantes xa estean nos nosos campus e cando xa se coñezan os premios de excelencia da Xunta de Galicia”, apuntou Cabeza. As solicitudes deberán presentarse no rexistro xeral da Universidade ou nos rexistros auxiliares dos campus e a Comisión de Extensión Universitaria e Estudantes será a encargada da valoración dos candidatos e a adxudicación dos premios.
Na web da Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes pódese consultar a convocatoria.