DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Presentáronse este mércores as liñas principais no eido da cooperación europea

A Universidade prepárase para un futuro en clave internacional

O obxectivo é avanzar na mobilidade e na internacionalización coa vista posta no programa Horizon 20

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 11/01/2012
O futuro non ten fronteiras e institucións e empresas teñen que comezar a traballar xa para preparar este escenario eminentemente internacional. Para a Universidade de Vigo, a internacionalización é unha das súas liñas estratéxicas e a institución leva anos fomentando tanto a mobilidade como a cooperación con parceiros estranxeiros para posicionarse neste mundo global. Pero hai dúas claves que marcan os vindeiros anos no tocante á internacionalización. Por unha banda, o financiamento por obxectivos pactado coa Xunta contempla a mobilidade como un dos indicadores. Por outra, o Horizon 2020, o novo Programa Marco da Unión Europea que se pon en marcha en 2013 e establece os regulamentos para o fomento da I+D e as posibilidades de cooperación.

O financiamento por obxectivos o Horizon 2020, os dous retos

Coa vista posta nestas dúas claves, a Universidade de Vigo presentou este mércores o seu Plan de Internacionalización para o 2012 así como as convocatorias europeas de cooperación internacional para este ano, ante preto de 70 representantes da comunidade docente e investigadora. O reitor, Salustiano Mato, puxo de manifesto a importancia de que a institución se siga abrindo e visibilizando no exterior, porque ese posicionamento é o que permite establecer alianzas estratéxicas e sentar as bases para a cooperación intelixente, algo relevante especialmente en tempos de crise. Mato incidiu en que “temos que pensar que tipo de Universidade queremos ser no futuro, e para iso compre lembrar que nunha crise económica estrutural coma esta, os fondos e recursos para a Universidade non van vir dos gobernos autonómicos e centrais”, senón de alén das nosas fronteiras.

Segundo destacou, para que a Universidade sexa intensiva en innovación e investigación e estea na primeira liña debe de mirar para Europa e o Mundo, buscando as oportunidades onde as haxa. “Este será un bo adestramento para o reto que se nos presenta en 2014, o programa Horizon 2020 que, en plena crise, duplicará os recursos para investigación, innovación e educación superior”. Iso sucederá no momento no que Galicia perda a categoría de rexión de converxencia e, consecuentemente, os fondos estruturais, polo que “é unha nova oportunidade para que compre adestrar".

Pero os deberes xa se están facendo e no ano e medio de mandato do actual equipo de Goberno tramitáronse 70 peticións promovidas institucionalmente a nivel internacional e “temos a resposta positiva para unha vintena, o 40%, porcentaxe que duplica a taxa de éxito española en Europa que rolda o 20%”.

Plan de internacionalización 2012

Todas estas propostas concrétanse no Plan de Internacionalización 2012, presentado polo vicerreitor de Relacións Internacionais, José Manuel Fernández Iglesias, que fixo un repaso polas accións previstas tanto no eido da mobilidade, como na cooperación internacional, a internacionalización da actividade académica, a presenza internacional da Universidade e a formación institucional.

Entre as medidas previstas está a o deseño dun plan de competencia lingüística de docentes e estudantes, a reformulación do Centro de Linguas, a participación na convocatoria brasileira Ciência sem fronterias, o fomento de dobres titulacións, a ampliación dos convenios bilaterais e a potenciación do Erasmus Prácticas. Por outra banda, Fernández Iglesias destacou que a Universidade seguirá estando presente en feiras e eventos internacionais, seguirá tentando crecer en cifras de mobilidade cos programas xa existentes, afianzando a súa presenza na rede a aproveitando e colaborando dende a súa Vicerreitoría coa vertente internacional de Campus do Mar, que ofrece unha inmellorable oportunidade de posicionarse fóra das nosas fronteiras. Salientou tamén a importancia de pertencer a redes de universidades como o Grupo Compostela, a Asociación Universitaria Iberoamericana de Postgrado ou as recen creadas Conferencia de Reitores do Noroeste de España e Conferencia de Reitores da Macrorrexión do Sudoeste Europeo.

Na segunda parte da xornada, os responsables da Oficina de Relacións Internacionais presentaron as convocatorias europeas de cooperación internacional en 2012 e as oportunidades de financiamento en programas como Tempus, o Jean Monnet, Erasmus Mundus, etc.