DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao abeiro do Foro de Diálogo Universidade-Empresa no CFV

A Universidade presenta ante o empresariado a súa Área de Emprego

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 27/05/2011
Xestionar as prácticas preprofesionais, publicar ofertas de emprego e asesorar e formar aos emprendedores son algunhas das tarefas da Área de Emprego da Universidade de Vigo. Así o reflectiron ante os empresarios o director da área, o profesor José Ignacio Armesto, e as técnicas da Fundación Universidade de Vigo Alicia Lamas e Yolanda Míguez nun dos encontros do Foro de Diálogo Universidade – Empresa celebrado este venres no Club Financiero de Vigo.

Nunha sesión na que describiron en detalle o programa de prácticas preprofesionais, a técnica Alicia Lamas centrouse nesta ocasión nas principais vantaxes que ofrece ás empresas a participación neste tipo de programas. Entre outras cuestións fixo fincapé no feito de que o período de prácticas “serve de proceso óptimo de selección de futuros traballadores e traballadoras, en base a unha proba real e continúa”. Ao tempo, salientou a posibilidade que supón de realizar estudos considerados de interese que a empresa non poida afrontar por carecer de persoal cualificado no cadro de persoal, xunto co descubrimento e coñecemento de titulacións e perfís universitarios que, “xa sexa no presente ou no futuro”, poidan atender necesidades ou intereses laborais da empresa ou institución.

O programa da OFIE destinado á creación de empresas foi outro dos eixes da presentación da area. Dirixido non só á comunidade universitaria, senón a calquera persoa do entorno da Universidade, a técnica Yolanda Míguez explicou as principais características necesarias para emprender “con garantías”. Motivación e carácter emprendedor, ter unha idea ou oportunidade de negocio, capacidade de asumir e valorar riscos, disposición ao sacrificio, orientación ao mercado... foron algunhas das características as que se referiu como claves á hora de ter éxito no emprendemento.

Foro

O Foro de Diálogo Universidade – Empresa, unha iniciativa coa que Universidade e tecido empresarial buscan seguir incrementando a cooperación entre ambas entidades, púxose en marcha o pasado mes de febreiro co obxectivo de fomentar a transferencia de coñecemento, cooperar en innovación e promover a inserción profesional dos titulados. Dende entón, puxéronse en marcha diferentes actividades, entre elas un ciclo de conferencias de alta dirección empresarial que trouxo ata o campus a algúns dos principais dirixentes empresariais da nosa comunidade.