DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade presentará a súa oferta científico-tecnolóxica relacionada coa acuicultura na feira ACUI 2010

Celebrarase en Vilagarcía entre o 2 e o 4 de marzo

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 04/02/2010

A aposta clara da Universidade de Vigo polo eido mariño visualízase unha vez máis coa presenza da institución ne feira de acuicultura ACUI 2010, que se vai celebrar no recinto de Fexdega en Vilagarcía de Arousa entre o 2 e o 4 de marzo.
Neste evento, a Oficina de I+D contará cun stand conxunto coas Otri das outras dúas universidades galegas para dar a coñecer a oferta científico-tecnolóxica relacionada co campo da acuicultura. O obxectivo é presentar ante as empresas do sector acuícola, ás que está dirixida a feira, “todo o que se está a facer dende a Universidade neste campo”, explican dende a Oficina de I+D, “así como crear lazos de unión con novas empresas, buscar ou asinar convenios de colaboración, etc”.
A Universidade xa ten participado en edicións anteriores, nos anos 2006 e 2008, xa que ACUI é bianual, e a experiencia foi moi positiva. No posto, ofreceranse información tanto en papel como en formato audiovisual sobre os traballos que se están a realizar na institución relacionados co medio mariño co fin de favorecer a transferencia de coñecemento e atender as demandas da sociedade. Para a ocasión, presentarase unha publicación na que se recollerá a oferta tanto de coñecemento básico dos sistemas vivos no medio mariño como dos sistemas de medición e control da calidade de augas ou mesmo aquela relacionada co deseño de instalacións, automatización e tecnoloxía en xeral con utilidade neste eido pero tamén todo o relacionado co campo socio-económico e a xestión empresarial. Por outra banda, esta publicación incluirá a oferta de instalación e servizos cos que conta a Universidade como a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla ou o CACTI, así como todos os grupos de investigación relacionados con estes temas.

Unha ampla oferta de liñas de investigación

O medio mariño aglutina unha importante oferta de grupos e liñas de investigación tanto no eido científico como no tecnolóxico e no xurídico social. A publicación recolle a ampla oferta investigadora da Universidade neste campo que comprende temas ecolóxicos, ambientais e de contaminación, alimentarios, biolóxicos e fisiolóxicos, xenéticos, parasitolóxicos, reprodutivos, oceanográficos, físicos e xeolóxicos así como de enxeñaría e deseño, automática ou deseño e análise empresarial.