DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En colaboración con Unicef Ourense e a Obra Social Caixa Galicia

A Universidade promove en Ferrol os dereitos da infancia a través da obra do pedagogo Francesco Tonucci

A mostra presentouse esta semana no Centro Cultural Carvalho Calero

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Sara Alcázar DUVI 13/01/2010

Tralo seu paso por Ourense, a obra do pedagogo Francesco Tonucci poderá ser visitada ata o 22 de xaneiro no Centro Cultural Carvalho Calero de Ferrol onde nas últimas horas tivo lugar o acto de inauguración da mostra Os dereitos das nenas e dos nenos a través da obra de Francesco Tonucci. A Universidade de Vigo estivo amplamente representada na inauguración da exposición á que asistiron Iván Area, vicerreitor de Relacións Institucionais e Emilia Seoane, profesora da Universidade e coordinadora da mostra como técnica de Educación do Concello. Así mesmo, tamén acudiron ao acto varios membros do profesorado de diversos centros de ensino da cidade.
Dende o Concello de Ferrol, organizador da exposición xunto coa Universidade de Vigo e Unicef Ourense e co apoio da Obra Social Caixa Galicia, preténdese achegar a obra de Tonucci ao profesorado, nais e pais, á clase política e ao público en xeral co fin de promover unha convivencia de liberdade e respecto así como o recoñecemento da cidade por parte dos espectadores da mostra, especialmente polos nenos e nenas, ao tempo que lanza unha mensaxe de sensibilización social en prol dos dereitos dos cativos. " É primordial ter en consideración aos nenos e nenas, que precisan ser escoitados" apunta Seoane. Con motivo da celebración da mostra en Ferrol, o Concello editou un catálogo da exposición no que, ademais da obra exposta de Tonucci, aparece unha viñeta inédita que o artista nunca sacara á luz.

Viñetas con mensaxe

Baixo o título Os dereitos das nenas e dos nenos a través da obra de Francesco Tonucci, o artista invita á reflexión sobre unha problemática na que se atopan involucrados adultos e cativos á hora de avogar polos dereitos da infancia, empregando o humor coma canle para transmitir estas ideas. "O ton humorístico é unha ferramenta estupenda para transmitir unha mensaxe tan profunda e fundamental como a da mostra" declarou Seoane "e ademais é unha forma doada de ver e entender esa mensaxe que o público debe interpretar". A exposicións componse de preto de 30 paneis con viñetas nas que se ilustran diferentes situacións da vida cotiá dos nenos e nenas e nas que se pon en dúbida a manifestación dos seus dereitos. Segundo Seoane "as viñetas amosan con retranca situacións incoherentes cos dereitos dos cativos en aspectos de xénero, etnia, lingua ou relixión ao tempo que propoñen solucións para evitalas".

Combinación artística e pedagóxica

A mensaxe transmitida nas viñetas que compoñen a mostra é froito da combinación que fai Tonucci da súa faceta artística coa súa profesión como mestre e pedagogo, centrando a súa actividade académica no estudo do pensamento, comportamento e desenvolvemento infantil na súa contorna social e familiar. Este achegamento á infancia permitiu ao artista plasmar as súas conclusións en traballos como Fratografías, a primeira obra publicada en galego do artista editado pola Universidade de Vigo, co fin de dar exemplo e concienciar aos espectadores á hora de respectar as necesidades dos máis pequenos. Deste xeito, o traballo de Tonucci constitúe unha referencia para todos os profesionais da educación. “O profesorado emprega as viñetas de Francesco nas súas clases como principal recurso educativo á hora de realizar debates e conversas cos alumnos” afirmou Seoane. Así mesmo, a obra do artista italiano tamén resulta moi útil para administracións e institucións como a Universidade e o Concello de Ferrol, cidade que o artista xa visitara na década dos noventa para reunirse co profesorado e falar do seu traballo É a escola para as nenas e os nenos?. Esta experiencia levou á Concellería de Educación de Ferrol a escoller a Tonucci para integrar a súa obra no marco dos programas educativos municipais, enfocados en tres eixos: os dereitos das nenas e dos nenos, os dereitos humanos e o coñecemento da cidade. A exposición permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 22 de xaneiro.