DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ata o 11 de maio poderase participar no 'II Proxecto de Visibilización', promovido pola Unidade de I

A Universidade dá pulo á creatividade feminina

Distribuiranse postais con imaxes feitas por alumnas ademais dunha exposición no campus ourensán

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijóo DUVI 30/04/2012

No eido das artes, a pesar de que as mulleres son maioría nas aulas, poucas son as que logran ingresar no circuíto profesional. Para combater esta realidade, a Unidade de Igualdade da Universidade promoveu o pasado curso o I Proxecto de Visibilización, que naceu co obxectivo de impulsar o traballo das alumnas da Facultade de Belas Artes e que este ano volve organizarse ampliando a convocatoria ás estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Esta iniciativa, que manterá aberto o prazo de presentación de proxectos ata o vindeiro 11 de maio, “supón unha grande oportunidade para difundir as propostas e para facilitar a incorporación no espazo profesional das nosas alumnas”, comenta Anabel G. Penín, directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo.

Tras o éxito da primeira edición, o II Proxecto de Visibilización volve estar comisariado por Mar Caldas e Almudena Fernández, profesoras da Facultade de Belas Artes. Encargaranse de seleccionar as 32 imaxes finais que se reproducirán nunha ampla edición de postais para ser distribuídas en expositores nos principais edificios dos tres campus da Universidade. “O ano pasado repartíronse case 40.000 postais e en algúns centros tivemos que facer reposicións en varias ocasións, polo que se pode dicir que estas imaxes pasaron polas mans de moitísima xente”, describe a directora da Unidade de Igualdade como exemplo da boa repercusión e acollida do formato empregado.

Das 32 imaxes participantes farase outra selección de seis obras para ser exhibidas nunha exposición na Biblioteca Central do campus de Ourense “na que as creatividades serán impresas a gran formato e emprazadas nas cristaleiras do edificio”, engade Penín. Ademais das postais e da mostra, tamén se edita unha publicación "que se envía a todos os museos e centros de arte de referencia en España, a críticos, comisarios e ás bibliotecas de todas as facultades de Belas Artes” coa finalidade de dar a coñecer no mundo profesional o novo talento.

Maioría nas aulas, minoría na vida profesional

Para a directora da Unidade de Igualdade, este tipo de iniciativas son imprescindibles “para lograr romper o desequilibrio entre as mulleres que se forman como artistas nas universidades españolas e as que participan no eido profesional”, ademais de amosar o compromiso da institución “co traballo das alumnas que se están a formar nas súas aulas”. Para dar conta da necesidade de promocionar as novas promesas femininas, Anabel G. Penín aclara que a porcentaxe de mulleres nas facultades de Belas Artes de España representan un 70%, sen embargo a media de artistas que expuxeron individualmente en centros e museos de arte contemporánea entre 1999 e 2009 rolda o 9,5% “o que pon de relevancia que, a pesar de ser maioría e ter moi bos expedientes académicos, cando rematan os seus estudos son moi poucas as que ingresan no circuíto profesional e aínda menos as que conseguen permanecer nel e acadar un alto recoñecemento”.

Requisitos para participar na convocatoria

O requisito para participar no proxecto, que se inaugurará en setembro de 2012, é estar matriculada na Universidade de Vigo este ano no último curso dos graos en Belas Artes, Publicidade e Relacións Públicas e Comunicación Audiovisual e nos mestrados en Investigación e Creación en Arte Contemporánea, en Libro Ilustrado e Animación, en Dirección de Arte Publicitaria e en Creación, Desenvolvemento e Comercialización de Contidos Audiovisuais. O cd coas imaxes enviarase por correo postal á Facultade de Belas Artes dirixido a Almudena Fernández ou Mar Caldas, que terán en conta para a selección final o interese da obra, a calidade da reprodución e a súa idoneidades para ser impresa en postal .