DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade reafírmase no seu compromiso co desenvolvemento da eurorrexión

Coa posta en marcha dun máster en Políticas Comunitarias e Cooperación Territorial

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 13/11/2008

O crecemento económico ignora as fronteiras políticas e xeográficas e, nese contexto, as eurorrexións están a acadar un grao de desenvolvemento que precisa de profesionais especializados con sólidos coñecementos da Unión Europea e das súas políticas vinculadas ao desenvolvemento rexional. Neste proceso dinamizador, o Plan Estratéxico da Universidade de Vigo recolle o desenvolvemento da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal como unha meta. Para acadar este obxectivo estratéxico e respondendo a un impulso do propio equipo reitoral, a institución vén de poñer en marcha o primeiro máster oficial en Políticas Comunitarias e Cooperación Territorial.
Desenvolto en coordinación coa Universidade de Minho, este programa de posgrao acada un carácter interuniversitario e internacional arrancando, segundo explica o director da cátedra da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e comisionado de Plans Estratéxicos, José Manuel García Vázquez, “cun primeiro indicador de éxito xa acadado mediante o número de matrículas”. 100 preinscricións e as 45 prazas cubertas, 20 na Universidade de Vigo e 25 na de Minho, constatan que o proxecto “conta cunha moi boa aceptación, sobre todo tendo en conta a ampla oferta existente de másters oficiais”.
Segundo subliñou o reitor, Alberto Gago, no acto de presentación destes estudos “para a Universidade este non é un máster máis, non é unha iniciativa dun grupo de investigación nin dun departamento, senón que responde a un impulso da institución, que materializamos a través do Comisionado de Plans Estratéxicos”. Pola súa banda, dende a Universidade de Minho, o seu vicerreitor Leandro Almeida, salientou a importancia deste tipo de proxectos compartidos entre ambas institucións xa que para “dar un importante salto cualitativo e mellorar e dignificar a oferta das institucións de educación superior non hai mellor xeito que a converxencia e a colaboración nun mundo global”.

A eurorrexión do futuro

Desde comezos do século XXI, a Unión Europea definiu un modelo de crecemento económico asentado en dous documentos clave, a axenda de Lisboa do ano 2000 e a de Göteborg do 2001. Mediante estes marcos, trátase de apostar por un crecemento baseado na formación, na investigación, na innovación, na sociedade do coñecemento, nos parceirados público-privados, no emprego e no emprendemento. Segundo explicou García Vázquez “trátase de apostar por un crecemento sostible en harmonía co ambiente e cos equilibrios territoriais, aproveitando os recursos endóxenos como mellor fórmula para gañar o reto da globalización”. Neste sentido, a cooperación territorial converteuse nun dos tres únicos obxectivos, xunto coa converxencia e a competitividade rexional e o emprego, do novo marco de programación da UE para o período 2007-2013. Neste sentido, Galicia e o Norte de Portugal constitúen un referente de cooperación territorial, un camiño que pode permitir a esta rexión acadar os niveis e marcadores de desenvolvemento do resto de Europa. Pero neste escenario faise imprescindible a formación de xestores que sexan capaces de aprender as coordenadas de programación comunitaria 2007-2013 para poder actuar con vantaxes competitivas “nun momento decisivo para o desenvolvemento dos territorios da eurorrexión”, explicou.
Neste sentido, o presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, salientou a importancia de “deseñar estratexias de crecemento conxuntas e de internacionalizar as empresas, xa que o longo camiño por percorrer debemos percorrelo xuntos”.

Un máster profesionalizante e internacional

Cun carácter eminentemente profesionalizante, o posgrao formará titulados universitarios con sólidos coñecementos da Unión Europea e do desenvolvemento rexional, dotando aos estudantes de ferramentas prácticas para contextualizar as políticas públicas comunitarias nunha rexión concreta e capacitándoos para deseñar estratexias de desenvolvemento endóxeno da eurorrexión no marco das políticas europeas e rexionais. Así, conta cun importante programa de prácticas no que colaboran importantes institucións e empresas como o Eixo Atlántico, os portos de Vigo e Marín, a Deputación de Ourense, a CIG ou a CEP. Segundo García Vázquez, na actualidade a elaboración, xestión e asesoramento de proxectos de cooperación e candidaturas está a ser elaborada maiormente por consultoras foráneas “polo pode ser un importante nicho de emprego, sobre todo ante o incremento de actividades deste tipo que aumentan a demanda de profesionais”.
O programa docente está composto por 60 créditos ECTS que se impartirán ao longo dun curso académico con modalidade semipresencial apoiándose na docencia on-line. Con todo, dende a organización salientan a importancia dos idiomas e ofrecerase formación lingüística en inglés e noutra lingua comunitaria. As dúas universidades alternaranse na coordinación dos estudos e poderán intercambiarse tanto estudantes coma profesores. Ademais, o máster está avalado polo European Centre of Excellence Cross-Border que a Comisión Europea lle concedeu á Universidade de Vigo en 2006.

Toda a información do máster está dispoñible na súa páxina web