DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A redución de áreas, vicexerencias e vicerreitorías permite un aforro de máis de 350.000 euros

A Universidade rebaixa nun 43% os custos de dirección e xestión

O reitor presentou á nova vicexerente de Internacionalización, Regina Carreira

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 23/07/2010
A nova estrutura directiva e de xestión da Universidade de Vigo introduce unha redución de preto dun 43% nos custos, respecto da organización vixente durante os últimos catro anos, ao pasarse dun importe total de 819.780 euros a 469.178. As modificacións operadas no equipo de goberno, as direccións de área e na estrutura da Xerencia polo reitor Salustiano Mato, tradúcense nun aforro de 350.602 euros, froito das reducións introducidas tanto no número, como nas percepcións económicas dos responsables dos órganos de dirección e xestión académicos.

A nova organización directiva e de xestión contempla, respecto da anterior, unha vicerreitoría menos no equipo de goberno, así como seis direccións de área e catro vicexerencias menos. De todas as áreas de dirección e xestión é a Xerencia a que experimenta a remodelación máis profunda, pasando de seis a dúas vicexerencias e rebaixando o seu custo en máis dun 60%.
Unha reorganización que amosa, segundo o reitor, Salustiano Mato, que “seguimos a facer máis con menos, aglutinando máis funcións en menos áreas e aproveitando as capacidades do persoal propio da Universidade”. O reitor deu a coñecer estes datos nunha comparecencia ante os medios na que tamén presentou á nova vicexerente de Internacionalización, Regina Carreira, que se encargará de afianzar o posicionamento internacional da institución e da captación de recursos.

Seis direccións de área menos e aposta pola profesionalización

Cun custo total de 138.621 euros, fronte aos 183.425 da anterior estrutura, todas as funcións das direccións de área englóbanse a partir de agora en seis menos (pásase de 29 a 23). “Nesa designación de responsabilidades”, dixo o reitor, “miraremos cara dentro na institución, pero non só para contar con docentes e investigadores (PDI) como ata o de agora, senón tamén co persoal de administración e servizos (PAS)”.
Trátase, segundo Mato, de levar a cabo un proceso de profesionalización de xeito que naquelas áreas onde non existan profesionais da propia Universidade, “comezar a contar coa canteira para poder desenvolver esa profesionalización”.
Nesta nova etapa os directores e directoras de área percibirán 6027 euros ao ano, fronte aos 6325 euros que percibían.

Neste axuste presentado hoxe polo reitor cómpre destacar que do custo total de direccións de área, máis de 30.000 euros corresponde a dirección de centros propios de investigación. Sen embargo Mato explicou que no futuro non deberían ser incluídos na estrutura de dirección e xestión “porque o seu número irá en aumento, o que é un síntoma da saúde da Universidade”.

Reorganización do equipo de goberno

Respecto do anterior equipo de goberno a nova estrutura introduce unha reorganización nas competencias das vicerreitorías que quedan reducidas a 10, unha menos, un número que inclúe a nova Vicerreitoría de Investigación e Transferencia do campus de Ourense. O equipo de goberno complétase co reitor e a secretaria xeral.

O custe total do equipo de goberno con esta nova estruturación ascende a 102.117 euros, fronte aos 115.287 do anterior. As percepcións económicas anuais en concepto de complemento que percibirán os membros do equipo de goberno quedan fixadas no caso do reitor en 17.098 euros e en 7729 no dos vicerreitores e vicerreitoras, así como no da secretaria xeral, experimentado unha diminución global dun 8%.

Remodelación e aforro dun 60% na Xerencia

A Xerencia é a área de dirección e xestión que experimenta a remodelación máis profunda pasando de seis a dúas vicexerencias, a de Recursos Humanos e a de Internacionalización. Elimínanse por tanto, respecto da anterior estrutura, as vicexerencias de Planificación e Xestión de Investigación; Xestión Económica Servizos Xerais; TIC e as dos campus de Pontevedra e Ourense e introdúcese a novidade de Internacionalización.

Os dous novos vicexerentes percibirán 60.000 euros ao ano, 8545 euros menos que os que formaban o anterior equipo de Xerencia. Pola súa banda, os ingresos do xerente ascenderán a 80.000 euros, 10.000 menos que a súa antecesora no cargo. En total o custo do novo equipo de Xerencia ascenderá a 200.000 euros, o que supón un aforro de máis dun 60%.

Presentación da nova vicexerente de Internacionalización

Lucense de 32 anos, Regina Carreira, será a nova vicexerente de Internacionalización. A través dunha videoconferencia, Carreira explicou desde Luxemburgo, onde actualmente, desenvolve a súa actividade profesional. as que serán as súas novas competencias na Universidade de Vigo a partir do mes de setembro. “Unha maior visibilización da institución no ámbito internacional e a captación de recursos”, explicou Carreira, serán os seu principais cometidos. Unha labor para a que a vicexerente de Internacionalización, segundo sinalou o reitor, fará valer a súa experiencia nos campos da transferencia e valorización da innovación; o aliñamento estratéxico dos e-servizos na organización e a diversificación comercial de produtos e servizos de carácter tecnolóxico.

Aínda que Carreira centralizará a súa actividade en Vigo, tanto ela, como o reitor, coincidiron en sinalar que “haberá moitos desprazamentos ao estranxeiro, sobre todo para a captación de recursos”. Neste sentido Mato non descartou que nun futuro e sempre e cando se dispoñan dos recursos económicos suficientes para contar co persoal necesario, a Universidade conte cunha base en Bruxelas.