DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Chegadas desde lugares tan dispares como Xapón ou Estados Unidos

A Universidade recibe máis de 600 propostas para a creación do novo logotipo

En menos dun mes coñecerase a idea gañadora que será a base dunha nova imaxe corporativa

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 24/10/2008
A Área de Imaxe quédase estes días pequena para acoller as máis de 600 propostas que chegaron para participar no concurso de ideas do que sairá o novo logotipo da Universidade de Vigo. Dende sitios tan dispares como Xapón ou Estados Unidos, “a acollida foi extraordinaria e houbo unha enorme participación a nivel internacional”, destacaba Fernando Suárez, director da área, quen tamén salientaba que agardan “que o nivel sexa tamén importante”.
Rematado o prazo de entrega de traballos o pasado 16 de outubro, o xurado comezará en breve as súas deliberacións e emitirá o resultado no prazo máximo dun mes e será entón cando “se faga pública a idea gañadora”, recalcaba Suárez. Despois abrirase un novo concurso no que, por invitación, non menos de tres empresas se encargarán de desenvolver a imaxe corporativa da Universidade de Vigo.
“Aínda que os sobres están sen abrir e non sabemos nada sobre a calidade das propostas recibidas, o feito de ter acadado esta resposta é todo un éxito que reforza o noso carácter internacional”, destacaba tamén o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area.

Un xurado de luxo

Para a selección do deseño gañador cóntase cun xurado formado por destacados especialistas internacionais. En calidade de presidente acturará Lluis Morón, director xeral da Fundación Signes, unha entidade privada e independente sen ánimo de lucro que ten como obxectivo a promoción e desenvolvemento do deseño. Como vogais participarán: Alain Baines e Geoff Fowle, representantes da Central Saint Martins College of Art and Design, considerada como a institución académica de maior prestixio no campo do deseño; Alvaro Sobrino, editor da revista de deseño, creatividade gráfica e comunicación Visual, e o director da área, Fernando Suárez Cabeza. O vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, será o secretario.
Os valores artísticos, simbólicos e a capacidade de representación e de comunicación do logotipo serán os aspectos determinantes nos que se fixará o xurado para elixir a proposta gañadora. Ademais, valorarase tamén o seu potencial respecto da versatilidade que teña para aplicar en diversos soportes.

As bases foron consultadas desde 97 países

Desde que se fixo público o anuncio do concurso, a finais do pasado mes de setembro, o persoal da Área de Imaxe leva respondido a múltiples correos electrónicos e chamadas de persoas interesadas en participar ás que lle xurdiu algunha dúbida, dende cuestións relacionados co envío ata o formato de presentación.
“Foi un mes de moita actividade e moitas as anécdotas”, destacaba Suárez. Entre estas curiosidades, unha escola de deseño de Badaxoz, que propuxo o concurso coma un traballo académico para os seus estudantes.
A páxina web coas bases do premio recibiu este mes máis de 7000 visitas procedentes de 97 países. Máis do 60% desde diferentes lugares de España, e as restantes dunha longa lista de países encabezados por Brasil, Estados Unidos, Reino Unido, Portugal e Arxentina. “De Xapón, por exemplo, tivemos catorce visitas”, recalcaba Suárez.