DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Editado por Xerais

A Universidade recolle nun libro os premiados nos certames de relato, poesía e tradución

Etiquetas
  • Vigo
M. Del Río DUVI 21/01/2010

Baixo o paraugas da Editorial Xerais, a Universidade saca ao mercado unha nova publicación que recolle os traballos galardoados nos Premios relato poesía e tradución. Nesta décimo segunda edición da escolma preséntase tanto os gañadores como os accésits das tres modalidades do 2009, “unha auténtica sementeira de novos valores literarios” que, en moitos casos, acaban publicando libros en destacadas coleccións do país.
Ano tras ano, estes certames aumentan tanto en participación como en calidade e a Universidade segue a facer un chamamento á comunidade universitaria para que tome parte. Desta nova edición, cabe salientar o traballo gañador do Premio de tradución literaria que, por primeira vez, é unha versión directa do éuscaro ao galego, o que demostra o amplo abano de linguas que dominan os tradutores pero tamén o feito de que se comece a traducir non só das grandes literaturas universais senón “que agora o galego tamén accede a todos os recantos lingüísticos e literarios imaxinables”.

A escolma

Precisamente o autor do traballo gañador na modalidade de tradución é Isaac Fernández Fernández, partindo da obra orixinal en éuscaro de Pedro de Axular, Gero. Xunto con gañador, a publicación recolle tamén o primeiro accésit para María Mediero Mayán pola tradución de Le voci di dentro de Eduardo de Filipo, escrita orixinalmente en napolitano
O libro recolle a obra de Raquel Fernández González, A sorte está de cara, como gañadora do premio de relato curto, xunto con Quérote, de Alberto Comesaña, primeiro accésit desta modalidade e A burra de ouro, de Juan Antonio Martín Pernas, como segundo accésit.
Na modalidade de poesía, foi gañador foi Anxo Manuel Rodríguez Ratel cunha obra titulada Talvez o infortunio, mentres que os accésits foron parar ás mans de Xosé Daniel Costas Currás con dúas obras, Le petit canteiro e Versos aliñados á esquerda con espazos e silencios.