DUVI

Diario da Universidade de Vigo

XX Gala do Deporte premia á triatleta Estefanía Domínguez e o taekwondista Fernando Rascado

A Universidade recoñe o esforzo de combinar deporte e estudo con resultados 'de excelencia'

O reitor fixo un percorrido por todos os éxitos deste curso nas diferentes modalidades

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Bea Feijoo DUVI 19/05/2011

Se por algo se pode caracterizar á vixésima edición da Gala do Deporte foi pola fusión de humor, de espectáculo e de recoñecemento ao esforzo e á traxectoria deportiva. Independentemente do feito de que se celebrara en territorio pontevedrés, estudantes do campus máis novo da Universidade acapararon a meirande parte dos galardóns, incluíndo os máis prestixiosos desta “gran festa”, o Premio á Excelencia Deportiva da Universidade de Vigo, que recoñece a brillante traxectoria académica e maila deportiva. Os afortunados foron a triatleta Estefanía Domínguez, estudante de Ciencias da Actividade Física e do Deporte, e o taekwondista Fernando Rascado, que se atopa cursando o último ano de Publicidade e Relacións Públicas. Os presentadores da gala e actores, Carlos Blanco e Mariana Carballal, puxeron o toque de humor, mentres que a parte máis emotiva protagonizouna o atleta veterano Manuel Rosales, nomeado padriño desta edición.

O acto, organizado pola Vicerreitoría do campus e o Servizo de Deportes, quere “ser unha festa e un recoñecemento a todos os deportistas que representan ese binomio inseparable de deporte e educación”, comentou Salustiano Mato, reitor da Universidade e responsable de entregar os premios á Excelencia Deportiva. Lembrouse de todos os éxitos acadados nesta última andaina, “no rugby, no baloncesto, no xadrez, no taekwondo... o que nos fai vivir e sentir o deporte e ser mellores universitarios”. O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, e o secretario xeral para o Deporte, Xosé Ramón Lete, tamén presentes na gala, destacaron os valores de esforzo e superación que implica a práctica deportiva, “o traballo e a dedicación diaria que se recoñece neste día”. Lete recalcou que “o deporte debe ser para a toda a vida, cunha importancia maior que as medallas e os éxitos”.

O atleta veterano Manuel Rosales, “quen se anima a ir pola novena maratón de Nova York aos seus setenta e seis anos”, en palabras de Mariana Carballal, foi nomeado padriño de honra desta vixésima edición da Gala do Deporte. Visiblemente emocionado, dixo que “un se sentía moi cómodo no medio de tanta xuventude” e lanzoulles unha mensaxe de ánimo a todos os deportistas que comezan as súas carreiras: “o bonito é non desanimarse, non vos rendades ante o primeiro fracaso, tendes que seguir loitando para triunfar”.

Moitos premios e mencións

Xunto aos premiados á Excelencia Deportiva, Estefanía Domínguez e Fernando Rascado, quen agradeceu a comprensión de todo o profesorado “por faltar algunha que outra vez a clase”, tamén se galardoou o labor de moitos outros estudantes que a diario combinan horas de estudo e de biblioteca con adestramentos e competicións. Así, a concelleira de Cultura do Concello de Pontevedra, Lola Dopico, foi a encargada de entregar o Agasallo Campus do Mar a todos os medallistas dos Campionatos de España Universitarios, “alumnos que representan a elite a nivel nacional”, con representantes en taekwondo, judo, atletismo, campo a través e loita. Pola súa banda, o vicerreitor de Extensión Universitaria, Xosé Henrique Costas, fixo entrega dos premios nacionais por equipos ao equipo de fútbol sala masculino, Toma Espectáculo, do campus de Vigo e ao equipo de baloncesto masculino Manute Team, do campus de Ourense, “pola súa participación nos CEU11”.

A vicerreitora do campus, Antonia Blanco, subiu ao escenario para condecorar á sección de equipos federados, sendo premiados o Vigo Rugby Club, “que foi quen de acada o ascenso á máxima categoría nacional deste deporte, sendo o primeiro equipo galego que consegue esta fazaña. Algo excepcional”, apuntaron os presentadores, sen esquecerse do equipo de baloncesto masculino do campus de Ourense, que tamén foi recoñecido polo seu ascenso. A título individual os premiados foron o xogador de rugby Carlos Blanco, Pablo García, responsable da sección de xadrez, e a tenista Julia Carballal. Mª Victoria Jato, vicerreitora de Investigación e Transferencia do campus de Ourense entregou as mencións especiais a Elena Fernández, directora do Centro Galego de Tecnificación Deportiva e a Miguel Martín, xerente do Ximnasio Árdeas, “pola súa colaboración desinteresada e pola súa constancia no fomento do deporte”. A profesora María José Martínez Patiño e Javier Rodríguez, presidente do Club de Balonmano Octavio Pilotes Posada, tamén recibiron un galardón pola súa extensa carreira deportiva.

No transcurso da gala tamén se entregaron os galardóns aos gañadores da Copa Fairplay, disputada esta mañá entre os mellores equipos de cada un dos campus da Universidade, no que ademais do triunfo deportivo, se premiou o xogo limpo.

Un acto cargado de humor, de espectáculo e de música

O actor Carlos Blanco foi o encargado de conducir a gala, provocando as risas continuas dos presentes cos seus monólogos e interactuacións co público. Contou coa colaboración da tamén actriz e profesora da Universidade, Mariana Carballal, quen tamén arrincou unha que outra risa pola súa complicidade con Blanco. Pero o espectáculo viu da man dun trío de ximnasia acrobática que deixou ao público coa boca aberta. O break-dance tamén estivo presente na gala coas actuacións de Vella Escola, que une nas súas actuacións deporte e arte. Non faltou tampouco o teatro, a cargo de alumnos da Escola Superior de Arte Dramático de Vigo nin a música, da man do grupo Priscila.

Como peche final á celebración, houbo un aperitivo para todos os asistentes. Neste xoves de gala, tocou recoñecer a súa traxectoria, pero mañá os deportistas da Universidade volverán a suar a camiseta para lograr novos éxitos profesionais e persoais.