DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Estes xoves na XVIII Gala do Deporte no Teatro Vidal Bolaño

A Universidade recoñece ao alumnado que compaxina o deporte de elite cos estudos

Entregaranse arredor de 50 distincións en diferentes categorías

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
D.Besadío DUVI 19/05/2009

Combinar adestramentos, competicións e concentracións cos estudos non é doado. Por esta razón a Universidade de Vigo recoñecerá o labor dos e das deportistas de elite, pero non só deles senón de todos aqueles que, na medida das súas posibilidades, compatibilizan vida académica e deportiva. Con este obxectivo organizouse para este xoves a XVIII Gala do Deporte coa que se pretende dar notoriedade á actividade deportiva realizada polo alumnado universitario. “O Servizo de Deportes sinte que é necesario valorar o esforzo dos universitarios que compaxinan a practica deportiva de certo nivel co seguimento dunha carreira universitaria. Tendo en conta uns determinados criterios escollemos tres mulleres e tres homes como as e os mellores”, explica Mª del Carmen Cabeza, vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes.
As taekwondistas copan este ano a candidatura aos premios á excelencia deportiva na categoría feminina. Están nominadas Mª Rebeca Mariño, Nazareth Tilve e Nerea Alamancos. Na categoría masculina a variedade é maior e comparten nominación o atleta Gustavo Nieves, participante nas pasadas Paralimpiadas de Beijing; o taekwondista Fernando Rascado, gañador dunha medalla de prata nos CEU 2009, e Diego Mahía, prata tamén na categoría de volei-praia.
A gala que tamén servirá para agradecer o impulso ao deporte universitario por parte de certas persoas ou entidades, terá como condutores aos actores Alba Lago e David Amor e como madriña a María Castro, todos eles egresados pola Universidade de Vigo. Proxección de vídeos, a actuación do grupo MoonCresta, espectáculos a cargo de grupos de teatro universitario e sorteo de agasallos, completarán unha tarde noite que terá ao deporte como gran protagonista.

Pasqui, adestrador do FC Barcelona Balonmán, entre os premiados

Na categoría de egresados, haberá unha mención especial para Xavier Pascual, Pasqui, actual adestrador do FC Barcelona Balonmán. En principio estaba prevista a súa participación na gala, pero finalmente non poderá acudir debido á triste nova do falecemento do seu pai esta mesma semana.
O profesor da Universidade e actual preparador físico do RC Deportivo de la Coruña, Eduardo Domínguez, recibirá tamén unha mención especial en recoñecemento do seu labor deportivo e académico.
ANFACO e o Círculo Mercantil e Industrial de Vigo, serán este ano as institucións que recibirán un recoñecemento que “no caso do primeiro pola súa colaboración na carreira 10 km Cidade Universitaria e no do Círculo Mercantil pola dispoñibilidade das súas instalacións para atender as nosas demandas”, puntualiza Mª del Carmen Cabeza.
A entrega de premios, distincións e mencións inclúe aos 18 deportistas da Universidade que este ano acadaron medallas nos Campionatos de España Universitarios, CEU 2009: oito na categoría de taekwondo, cinco en atletismo, un en natación, dous en tenis e dous en volei-praia.
Agasallarase tamén aos equipos participantes nos interzonais dos campionatos: os masculinos de fútbol 11 e voleibol, e os femininos de balonmán (Vigo e Pontevedra), baloncesto e fútbol sala. As seccións federadas de rugby e xadrez terán tamén unha mención especial, ao igual que os primeiros e segundos clasificados do campionato interno de tenis e os primeiros clasificados da Copa Intercampus.