DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor entregoulles a insignia de prata da institución

A Universidade recoñece a seis estudantes deportistas de alto nivel

Tras acadar importantes méritos deportivos en diferentes competicións

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Lucía Costas DUVI 28/10/2008

O triatleta Javier Gómez Noia, a piragüista Teresa Portela, o atleta Gustavo Nieves e os taekwondistas Bruno García, Nazareth Tilve e Nerea Alamancos recibiron hoxe o recoñecemento do equipo de goberno da Universidade polos importantes méritos deportivos acadados nas súas respectivas modalidades. O reitor, Alberto Gago, e a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, María del Carmen Cabeza, entregáronlles hoxe a insignia de prata da Universidade e un reloxo para “recoñecer, na medida das nosas posibilidades, os retos conseguidos e tamén para que vos sintades valorados” , en palabras do reitor.
Con este acto a Universidade rompe unha lanza a favor daqueles estudantes capaces de compaxinar con éxito os seus estudos coa competición deportiva de alto nivel. Neste senso un dos adestradores de taekwondo, Salvador Fontán, quixo recordar a evolución do trato a estes deportistas dentro das aulas, “foise mellorando moitísimo, en 1997 cando xa conseguimos pratas no Campionato de España non existía ningún tipo de loubanza nin valoración especial, hoxe recíbenos o reitor e isto é de agradecer” declaraba.

Deporte e estudos, a conxugación perfecta de cara ao éxito

A conxugación de estudos e práctica deportiva foi o punto de atención sobre o que xirou o diálogo. Recalcouse que a práctica deportiva non impide a realización dunha carreira universitaria, e viceversa, e nin que tampouco isto se converte en motivo de fracaso, senón todo o contrario, todos aqueles que estudan e compiten á vez “están sometidos a tal disciplina que é difícil que logo non acadan o éxito na súa carreira profesional”, explicaba o Reitor; non obstante, non hai que esquecer que “a vida deportiva é curta e a garantía de futuro esta na titulación que cada un deles está a cursar”, seguía.
Perder clase por asistir a unha competición xa non é un problema. Estase traballando neste aspecto, “imos creando esta cultura entre o profesorado” sostiña Maruxa Cabeza, “ofrecéndolle ao alumno todas as facilidades para desenvolverse nos dous ámbitos”. Dende o Servizo de Deportes bríndaselles o apoio necesario, buscando solucións para cada caso particular, finalidade coa que se creou o DUE, un programa de apoio académico a deportistas de alto nivel a través do cal se lle asigna un titor a cada un para que non lle resulte dificultoso adaptar a súa vida académica ao deporte, prestándolle axuda e orientándoo en temas de cambio de datas de exames ou de realización de prácticas. É así o caso de Nerea Alamancos que declarou estar moi contenta cos servizos prestados, “sei que podo facelo todo, atender aos estudos e ao taekwondo, a miña titora axúdame a compatibilizalo”, declaraba.

Seis exemplos de éxito deportivo

Bruno García, Nazareth Tilve e Nerea Alamancos destacan na modalidade de taekwondo. Bruno é estudante de Enxeñaría Técnica Industrial e este ano foi campión de España e subcampión do Mundo Universitario. Nazareth, que comezou este ano Fisioterapia, foi campiona de España no 2005 e no 2006, e este ano acadou o bronce no Campionato de España Universitario e a quinta posición no Campionato do Mundo. Nerea, estudante de Industriais, gañou, en parella con Samuel Meilán, o bronce no Campionato do Mundo en Corea 2007 e a prata no Campionato de Europa en Turquía 2007. Pola súa banda, Gustavo Nieves, a piques de rematar Minas, compite na modalidade de atletismo e participou nas Paralimpiadas de Beijing.
En representación de Javier Gómez e Teresa Portela, acudiron Fco. Javier Gómez e Jacinto Cea respectivamente. O pai do trialtleta, estudante de Ciencias da Educación Física e do Deporte, explicaba que “o deporte esíxelle moito, e quizais está a deixar un pouco de lado a vida académica dándolle prioridade á práctica deportiva, pero el sabe que se se organiza pode facelo todo”; Javier Gómez foi cuarto nos Xogos Olímpicos de Beijing, número un no ranking mundial ITU, campión da Copa do Mundo de Triatlón e campión do Mundo Elite. Jacinto Cea, presidente do Club de Piragüismo Ría de Aldán, asistiu en nome de Teresa Portela, piragüista estudante de Fisioterapia, quinta no K-4 nos Xogos Olímpicos de Beijing e de camiño cara á súa cuarta olimpíada.
Os catro deportistas asistentes ao acto coincidiron en agradecer esta mostra de apoio por parte da Universidade, “practicamos deporte por afección e ás veces está ben que se acorden de nós”, sostiña Nerea Alamancos; “é un detalle que recoñezan o nosa labor” comentaba Gustavo Nieves, quen tamén apuntaba que a súa discapacidade visual non lle supoñía especial problema para competir na súa modalidade. Non obstante, para Nazarareth Tilve “o recoñecemento está todos os días indo a adestrar”, para ela supón un grande esforzo compaxinar as catro horas diarias de adestramento coa vida cotiá dunha rapaza da súa idade, considerándoo como un traballo.