DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras a sinatura dun acordo de colaboración cunha empresa líder na fabricación de robots industriais

A Universidade reforza coa Aula Kuka a súa aposta pola robótica

O acordo coa filial do grupo alemán Kuka Roborter esténdese aos eidos da mobilidade e da docencia

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 14/03/2011
A firme aposta da Universidade, e máis concretamente da Escola de Enxeñería Industrial, pola robótica non é novidade, exemplos coma Rato e máis recentemente o botóns Bellbott dan boa mostra disto. Neste contexto e co obxectivo prioritario de seguir formando en “alta tecnoloxía” e en “innovación tecnolóxica”, este luns asinouse un convenio de colaboración coa empresa Kuka Robots Ibérica polo que ambas partes traballarán de forma conxunta en temas de formación e mobilidade, tanto de profesorado como de alumnado, e grazas ao que se creará a Aula Kuka, un laboratorio no que se instalará un robot industrial e varias licenzas de software relacionado con robótica que a empresa se compromete a actualizar anualmente.

“É fundamental para nós crear, ademais das cátedras, outras ferramentas que nos permitan mesturarnos dunha maneira máis eficiente co tecido empresarial”, salientou o reitor, Salusiano Mato, tras a sinatura do acordo e é que esta colaboración supón o reforzo dunha ferramenta “que temos que tentar seguir a intensificar”, subliñou en relación as aulas con empresas de primeira liña internacional “como é o caso de Kuka que ven a sumarse a outras aulas que xa están en funcionamento na Escola de Enxeñería Industrial como a Siemens ou a Schneider Electric”.

Gustavo Moscardó, responsable en España de Kuka, foi o encargado de rubricar o acordo por parte da empresa. “Estamos convencidos de que non hai outra forma para saír da crise que non sexa apostar en formación, formación e formación”, subliñou ao tempo que recalcou a idea de que a mellor forma que teñen as empresas de competir é apostando pola I+D+i e, “neste camiño é fundamental que os nosos enxeñeiros coñezan ben todo o que se está a mover no eido da automatización industrial e da robótica”.

‘Aliado estratéxico en Galicia’

Este acordo, explicou o reitor, enmárcase dentro da política que ten a Universidade de Vigo de harmonizar as súas capacidades coas necesidades das empresas “de modo que a Universidade sexa aliado estratéxico aquí en Galicia destas firmas”, unha alianza que ten especial interese en corporación que, como Kuka, conta con máis de vinte filiais nos mercados máis importantes de Europa, Estados Unidos e Asia.

Xa de xeito específico no que a formación se refire a empresa comprométese co acordo a ofrecer anualmente formación gratuíta para o profesorado nas tecnoloxías e produtos comercializados pola empresa. Ademais, a Universidade poderá programar anualmente cursos de formación para que o alumnado poida tamén pórse ao día nas últimas tecnoloxías que esta empresa poña no mercado.

O acordo asinado hoxe permitirá tamén que os alumnos e alumnas interesados en realizar os seus proxectos fin de carreira no ámbito da robótica e automatización industrial poidan contar co amparo desta firma “e mesmo realizar prácticas con nós tanto aquí en España como mesmo en Alemaña”, subliñou Moscardó.

Neste idea tamén fixo fincapé o profesor da Área de Enxeñaría de Sistemas e Automática, José Ignacio Armesto, que destacou o elevado interese do alumnado en realizar estancias Erasmus en Alemaña “polo que a simple posibilidade deste tipo de prácticas esperta moitísimo interese”.