DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Jesús Vázquez e Alberto Gago inauguraron unhas instalacións nas que se investiu millón e medio de e

A Universidade reforza a súa rede de bibliotecas coa posta en servizo dun novo espazo en Ciencias Experimentais

Climatizado de xeito exclusivo con enerxía xeotérmica, dispón de 22.000 volumes e 278 plazas

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío / M.C. Echevarría DUVI 02/10/2009

Bioloxía, Ciencias do Mar e Química viron hoxe cumprida unha das súas máis firmes reivindicacións: a apertura dunha biblioteca que dese servizo ás tres facultades que conviven no Edificio de Ciencias Experimentais. Con 1.500.000 de euros de orzamento, o novo edificio pon ao servizo da comunidade universitaria 980 metros cadrados de espazo útil que  alberga 278 prazas de lectura, 3 salas de traballo e máis de 22000 volumes de consulta.
“Trátase dunha dotación básica de calidade”, salientou o reitor, Alberto Gago, na inauguración do centro, que contou tamén coa asistencia do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, e a delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Lucía Molares. Todos eles coincidiron en salientar a importancia da obra nun intre no que inmersos na adaptación a Boloña, é fundamental contar con espazos docentes adaptados ás novas necesidades.

Primeiro edificio da Universidade climatizado con enerxía xeotérmica

A nova biblioteca, conectada ao Edificio de Ciencias Experiementais a través dunha pasarela acristalada, está distribuída en varios volumes e, “pese ás dificultades iniciais que presentaba o proxecto”, salientou o arquitecto Rodrigo Diez , logrouse, a través de diferentes xogos con reflexos, un espazo cunha boa iluminación, “algo fundamental nunha biblioteca" e que non era doado conseguir xa que o habitual neste tipo de espazos é a orientación norte e neste caso é sur-suroeste.
Tal e como indicou o propio arquitecto, membro da Unidade Técnica da Universidade, o novo centro é o primeiro edificio da Universidade de Vigo climatizado de xeito exclusivo con enerxía xeotérmica. “Está dotado dun sistema de solo radiado que proporciona calor no inverno e frío no verán de xeito que non se precisa aire acondicionado”, puntualizou.

Máis laboratorios docentes e de investigación

A inauguración contou tamén coa asistencia dun amplo número de vicerreitores e dos equipos decanais das tres facultades de Ciencias Experimentais, que amosaron a súa satisfacción por poder dispoñer “dun novo espazo de traballo no que seguir traballando en mellores condicións”, tal como destacou o decano da Facultade de Química, Luis Muñoz.
No caso do seu homólogo na Facultade de Bioloxía, Pedro Pablo Gallego, destacou que o novo edificio representa “pasar duns ocos cedidos para almacén de libros a unha auténtica biblioteca de servizos na que os nosos estudantes poderán vir aquí non só a buscar información, senón tamén a traballar con ela e a aprender a utilizala”. Ao que engadiu que o traslado da antiga biblioteca permitirá a reutilización dese espazo para laboratorios docentes e de investigación dos que se beneficiarán os estudantes das tres facultades.
Para o director da Biblioteca Universitaria, Gerardo Marraud, coa apertura deste novo centro satisfácese unha demanda que se viña facendo dende hai anos e dará cobertura especializada ás tres facultades do ámbito científico do campus, “se ben hai que recordar que as súas salas están abertas ao conxunto da comunidade universitaria”.

Un novo mapa de titulacións que vai más alá de Medicina

Unha vez finalizada a súa visita á biblioteca, o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, incidiu a preguntas dos medios na necesidade de “falar doutras titulacións que non son Medicina” unha vez que se comece a perfilar o novo mapa de titulacións, algo que se producirá a partir de 2010. E é que segundo Jesús Vázquez “estase a falar moito de Medicina, pero non esquezamos que hai centos de estudantes de Galicia que marchan a outras universidades atraídos por novas ofertas”. Neste sentido o conselleiro de Educación considera que máis alá de Medicina “cómpre falar doutras titulacións que serán necesarias e tamén falar do actual sistema no que existen facultades en catro ou cinco campus cunha falla de alumnos considerable”. Vázquez que apuntou a necesidade de poñer en marchar ademais dun novo mapa de titulacións, unha lei de universidades “que atenda as necesidades do profesorado e investigadores”, incidiu na importancia de apoiar aos reitores cun plan de financiamento acorde “porque senón estariamos facendo un mal sistema universitario”.
En canto á polémica xerada a raíz das críticas realizadas pola Universidade de A Coruña pola convocatoria de prazas de médicos asociados á Universidade de Santiago no Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña, Jesús Vázquez confirmou que o vindeiro 19 de outubro reunirase cos tres reitores, “aos que quero quitar de toda esta polémica”, dixo, para desenvolver un protocolo asinado na época do anterior goberno e que contemplaba que unha comisión elixiría aos médicos que impartirían docencia clínica nos hospitais das tres cidades como colaboradores docentes. “Non foi un problema provocado por ningún equipo reitoral senón polo non cumprimento dun protocolo”, asegurou Vázquez que sinalou a importancia da formación que reciben os estudantes nos hospitais de Vigo, A Coruña e Santiago “que ten que ser a mellor porque estamos falando de médicos e saúde”.