DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dende a tarde deste martes a páxina mostra a súa nova faciana

A Universidade remodela a súa web para mellorar o acceso aos contidos máis relevantes

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 28/06/2023

En 2018 lanzábase a actual páxina web de Universidade de Vigo. Agora, cinco anos despois, a institución estrea unha remodelación do portal institucional visible dende a tarde deste martes. Esta fiestra da UVigo á sociedade reformulouse cunha nova estrutura e unha estética remodeladas que responde a criterios de lexibilidade, simplicidade, modernidade, flexibilidade, claridade, equilibrio e proporcionalidade.

Como explica a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, “esta mudanza da portada da web responde á pretensión de mellorar o acceso aos contidos máis relevantes por parte dos usuarios”. Entre as principais novidades, relata, “temos que o Duvi conta cun carrusel de 9 destacados, unha nova sección UVigo en cifras e un listado de centros”. Na parte gráfica destaca “a limpeza de elementos que vai en sintonía co novo Manual de Identidade Corporativa que desde a dirección da Área de Imaxe se está a preparar, e que inclúe os cambios no deseño e soportes non contemplados na proposta precedente”.  Sen dúbida, engade a vicerreitora, “o portal institucional é a ventá de presentación da Universidade de Vigo e neste senso quixemos favorecer a dimensión publicitaria e reputacional para as persoas que se acheguen a coñecernos dun xeito dixital. O camiño cara a estas adaptacións xa se iniciou a principios deste ano coa inserción do logotipo de ATHENA, a universidade europea da que somos membros”. Nos próximos meses engadiranse novos contidos, como pezas audiovisuais que se están a gravar “para facer máis atractivo e audiovisual o noso escaparate”, avanza Valderrama. 

Nova estrutura

A páxina mantén o carrusel que xa viña abrindo a web ata agora, pero entre os cambios máis destacados está, no seguinte piso da estrutura, a substitución do Duvi, o Diario da Universidade de Vigo, na páxina principal por unha sección de noticias destacadas que permanecerán visibles na portada de forma máis estable, mentres que para consultar a actualidade diaria é preciso acceder directamente ao Duvi.

Tamén se inclúe unha sección destacada que, baixo o nome UVigo en cifras, conforma unha radiografía da institución a través de datos salientables, como o número de titulacións que se imparten nos tres campus, servizos, instalacións, persoal, proxectos e liñas de investigación, publicacións, teses, mobilidade, etc.

Xusto por debaixo aparece o apartado Estuda con nós, que permite acceder de forma directa e sinxela aos estudos de grao, mestrado, doutoramento, formación permanente e programa para maiores. De seguido están a axenda, que é lixeiramente diferente á anterior, a sección de avisos e os accesos ás facultades e escolas. No pé da páxina aparecen os datos de contacto e diversas ligazóns.