DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Xunto coa asociación portuguesa Empreend, organiza a IV Conferencia Ibérica de Emprendemento

A Universidade reunirá a 400 persoas en Pontevedra para impregnar a cidade de espírito emprendedor

Este foro abrirase, os días 23 e 24, cunha xornadas técnica e outra científica que reunirán a 60 co

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI 15/10/2014

Innovación, creatividade e emprendemento son as tres verbas que resumen o espírito que a cuarta Conferencia Ibérica de Emprendemento (CIEM 2014) achegará á cidade de Pontevedra entre o 23 e o 26 de outubro. Preto de 400 persoas participarán nestes días nun evento organizado pola Universidade de Vigo e a Asociación Portuguesa para o Emprendemento (Empreend), no que preto de 60 expertos, investigadores, directivos e profesionais achegarán a súa visión do mundo do autoemprego coa idea de promover unha ampla reflexión sobre todos os factores que rodean “ao ecosistema emprendedor”, como sinalou o profesor Pedro Figueroa, director do foro xunto con María do Rosário Almeida, a presidenta de Empreend. A diferenza de edicións anteriores, o CIEM supera nesta edición a súa “vocación fundamentalmente académica” para achegar unha serie de “experiencias prácticas” de persoas que apostaron por poñer en marcha os seus propios proxectos empresariais.

Crea para emprender e emprende para crear é o título do foro que o xoves 23 de outubro se inaugurará no Centro Social Afundación e que tratará de afondar na idea de que “a creatividade e a innovación son factores de enriquecemento profesional e persoal”, como apuntou Figueroa, que este xoves presentou o CIEM 2014 na sede da Deputación Provincial, patrocinador principal do evento, nunha rolda de prensa na que estivo acompañado polo vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho; a deputada provincial Ana Isabel Vázquez, e a concelleira de Promoción Económica do Concello de Pontevedra, Carlota Román.

Unha estrutura novidosa

Madrid e as cidades portuguesas de Lisboa e Cascais foron as sedes das anteriores edicións do CIEM, que na súa cuarta edición estreará una nova estrutura, na que, ademais de reunir a profesores e investigadores, busca congregar a representantes “de todos os axentes que constitúen o ecosistema emprendedor”, como engadiu Figueroa. Por ese motivo, a conferencia terá como “elementos nucleares”, unha xornada técnica, o xoves 23, dirixida a todo tipo de persoas vinculadas ou interesadas neste campo, e outra científica, o venres 24, máis orientada a investigadores e destinada a “coñecer os avances que existen no coñecemento que se xera na universidade no campo do emprendemento”. Ademais, o evento completarase coa posta en marcha, entre o 24 e o 26, dun “espazo para emprendedores”, que será presentado nas próximas xornadas.

Con inscrición gratuíta, o CIEM conta actualmente con máis de 180 inscritos na súa xornada técnica e outros 130 na súa xornada científica, unhas cifras que “superan as expectativas que tiñamos en ambos casos”, como recoñeceu Figueroa, e que fan prever aos organizadores, dado que o prazo para inscribirse continúa aberto, que se poderá reunir a preto de 400 persoas, ás que hai que sumar a presenza de preto de 60 conferenciantes, chegados de múltiples puntos da península ibérica e, por primeira vez, tamén de países de América Latina, como México e Brasil.

Unha oportunidade para o Campus Crea

Ademais de constituír unha oportunidade para fomentar a xeración de postos de traballo a través do autoemprego, o CIEM 2014 tamén se erixe como unha mostra do camiño que quere trazar o campus de Pontevedra no seu proceso de especialización a través do proxecto Crea, como salientou Corbacho. “Esta conferencia enmárcase perfectamente no que é o devir do Campus Crea por diversos factores, comezando polo título”, apuntou o vicerreitor, que fixo énfase no “claro compromiso das titulacións do campus co emprendemento” e no feito de que as diferentes actividades que engloba este evento “propicien a presenza do campus e dos seus estudos na propia cidade”, o que constitúe outro dos obxectivos centrais deste proxecto de especialización.

“Esperemos que este tipo de iniciativas poidan converterse, co apoio das institucións, nun espazo de referencia para o eido empresarial da cidade”, desexou o vicerreitor, que, ao igual que Figueroa, manifestou o seu agradecemento ás institucións que fan posible este foro. Xunto á Deputación, o CIEM 2014 conta tamén co patrocinio do Concello de Pontevedra, Consorcio Zona Franca, Abanca, Afundación, IGAPE e do Consello Social da Universidade de Vigo, así como coa colaboración doutras 13 empresas e institucións.

Unha ollada ao emprendemento deste múltiples perspectivas

Representantes de viveiros de empresas, aceleradoras ou asociacións empresariais estarán presentes o vindeiro xoves nunha xornada técnica que, tralo acto de apertura, arrincará cunha conferencia do novo director xeral de Negocio de Abanca, Luis Beraza, e trala que se sucederán catro mesas redondas que abordarán o fenómeno do autoemprego deste múltiples perspectivas. A primeira delas abordará precisamente esa idea do “ecosistema emprendedor, mentres que a segunda centrarase en dar a coñecer unha experiencia práctica de emprendemento xurdida na Universidade de La Rioja e orientada ao coidado de persoas maiores e dependentes. Xa pola tarde, o foro dirixirá a súa mirada cara o emprendemento rural, urbano, social e cultural, así como ás diferentes canles que existen para captar recursos para un proxecto empresarial. Por último, esta primeira xornada clausurarase cunha conferencia do executivo Álex Barresa, que achegará os presentes “unha visión sobre o emprendemento a nivel europeo”, segundo explicou Figueroa.

Ao día seguinte, o CIEM estará centrado na presentación dos 30 relatorios que foron seleccionados para esta conferencia, un número superior ao inicialmente previsto e que motivou que a súa exposición vaia desenvolverse de xeito paralelo, ao longo da mañá, no Centro Social Afundación e no salón de actos do Café Moderno. Ademais, esta xornada contará cunha conferencia inaugural, na que Ricardo Hernández, director executivo de GEM (Global Entrepreneurship Monitor) España, presentará por primeira vez o informe GEM Euroace e cunha mesa redonda sobre os proxectos empresariais xurdidos da I+D universitaria, que moderará a responsable da Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación (OTRI) da Universidade de Vigo, Ángeles López, e na que participarán as responsables de dúas spin-off da institución académica. Xa por último, a xornada pecharase coa conferencia de clausura que impartirá a profesora da Universidade do Porto Aurora Castro e coa entrega de premios aos tres mellores paneis.