DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dun acordo de colaboración coa Confederación Empresarial de Ourense

A Universidade sitúase como aliado estratéxico das empresas ourensás

As liñas de traballo inclúen áreas como a internacionalización, a innovación e a formación

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 22/11/2011

“A Universidade de Vigo quere ser un aliado estratéxico do tecido empresarial ourensán, converter o coñecemento que aquí se xera en valor económico para a contorna”. Deste xeito resumía Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, o obxectivo do acordo de colaboración asinado este martes no campus ourensán con Francisco Rodríguez, presidente da Confederación Empresarial de Ourense CEO. En tempos de crise, as dúas institucións apostan por estreitar máis ca nunca os lazos entre o mundo académico e investigador e as pequenas e medias empresas nunha alianza que redunde no beneficio socioeconómico da provincia.

O acordo, que dá continuidade ao convenio marco que desde 1996 teñen as dúas institucións, define liñas de traballo conxuntas da Universidade de Vigo e a CEO en materias como a I+D+i, a creación de empresas, medioambiente, prevención de riscos laborais, internacionalización, formación e cooperación transfronteiriza, entre outros aspectos. Concretamente, incentivará as prácticas de estudantes do campus en empresas ourensás, a colaboración en materia de investigación e transferencia do coñecemento e o fomento do emprendemento.

Contra a crise, I+D+i e cooperación

Durante a sinatura do acordo, Salustiano Mato quixo salientar que “é a nosa obriga como Universidade harmonizar as nosas capacidades coas demandas do tecido empresarial, ser unha fábrica de solucións e ideas para as nosas empresas”. Neste senso, o reitor apuntou os espazos de oportunidades para Ourense e a súa comarca que pode supor o proxecto do Campus da Auga da Universidade de Vigo, que actualmente está dando os seus primeiros pasos e cuxo obxectivo é articular toda a I+D+i vinculada a este sector.

Pola súa banda, o presidente da CEO amosou a súa satisfacción pola renovación e ampliación da colaboración coa Universidade de Vigo, asegurando que se trata “dun convenio estratéxico e vital para avanzar e afrontar os tempos de crise”. Francisco Rodríguez destacou os bos resultados que está obtendo a Universidade de Vigo a pesares da conxuntura socioeconómica e salientou que “os empresarios queremos que as nosas empresas sexan a mellor extensión dos centros universitarios”, un obxectivo no que apuntou este acordo dá un paso máis adiante.

“A situación é moi complicada, pero a pesar diso a Universidade de Vigo conseguiu este ano incrementar a súa facturación con empresas. Isto amosa que temos unha base para construír futuro xuntos. Os tempos de crise son tempos de suma, de cooperación intelixente para saír canto antes dela e este acordo camiña nesa liña”, dixo o reitor da Universidade de Vigo. Nesta difícil situación, o presidente da CEO advertiu das dificultades para manter o talento, o capital humano, na provincia de Ourense e como as empresas, sobre todo as máis pequenas, non teñen medios para dedicar á I+D+i. Por este motivo, destacou a importancia deste tipo de acordos nunha contorna económica na que, apuntou, a xeración de valor engadido a través do coñecemento é fundamental.