DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En colaboración coa USC e coas empresas galegas CZ Veterinaria-Biofabri e Nanogap

A Universidade e a spin-off Nanoimmunotech participan na creación da primeira vacina contra a cistite

O proxecto, pioneiro a nivel mundial, ten unha duración de tres anos e un orzamento de tres millóns

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 13/11/2012
A cistite recorrente é unha infección do tracto urinario con gran prevalencia a nivel mundial e de especial incidencia entre as mulleres. Unha afección que podería ter data de caducidade grazas a un proxecto conxunto das universidades de Vigo e Santiago, a spin-off Nanoimmunotech e as empresas galegas CZ Veterinaria-Biofabri e Nanogap, que trata de desenvolver a primeira vacina a nivel mundial para esta enfermidade. Á fronte do equipo da Universidade de Vigo está África González, responsable do grupo de Inmunoloxía e directora do Cinbio, que explica que “conseguir unha vacina que sexa eficaz no tracto urinario e evite sepse é un reto moi complexo”. Dada a dificultade, a mellor estratexia é a colaboración da que xorde un grupo multidisciplinar que inclúe expertos en microbioloxía, farmacoloxía, inmunoloxía e empresas con experiencia en vacina fronte a E. coli en porcino (CZ veterinaria), en vacinas humanas (Biofabri) e do sector da nanotecnoloxía. “A experiencia de todos eles é clave para poder desenvolver unha vacina eficaz fronte á infección urinaria por E. Coli que provoca a cistite”, apunta González.

En tres anos, os primeiros resultados

O proxecto botou a andar hai seis meses e ten unha duración total de tres anos para os que conta cun orzamento de tres millóns de euros e o apoio do programa Feder-Innterconecta do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial. Os investigadores inciden en que terán que pasar algúns anos máis para que a vacina estea dispoñible para os pacientes, “xa que é necesario realizar os ensaios das fases clínicas co obxectivo de avaliar a seguridade e a eficacia na prevención desta enfermidade en humanos”, como explica explica Christian Sánchez, director técnico de Nanoimmunotech.

Tanto os socios industriais (a spin-off da Universidade de Vigo Nanoimmunotech e as empresas CZ Veterinaria-Biofabri e Nanogap) como os académicos (o grupo de Inmunoloxía da Universidade de Vigo e o Laboratorio de Referencia de E. coli e o grupo Nanobiofarm, ambas da Universidade de Santiago) forman parte do Clúster da Saúde de Galicia. Para Sánchez Espinel “isto supón un excelente punto de encontro para establecer sinerxías baseadas nos coñecementos e experiencias de varios anos de investigación dos diferentes socios”.

As achegas dos investigadores vigueses

O grupo de Inmunoloxía dirixido pola catedrática África González encargarase da avaliación da eficacia da vacina e de estudar a resposta do sistema inmunitario tanto a nivel in vitro como in vivo, utilizando modelos animais. Nanoimmunotech, pola súa banda, achegará toda a súa experiencia en nanobiotecnoloxía no campo das nanovacinas, para tratar de “mellorar e acadar a xeración de novos vehículos e alternativas para unha vacinación máis eficaz, e incluso máis económica e menos dolorosa, por exemplo sen necesidade de agullas, empregando a administración a través de rutas diferentes á intravenosa ”, apunta Christian Sánchez Espinel.

Preguntados polas dificultades deste proxecto, os investigadores vigueses destacan que a principal dificultade para este tipo de proxectos é lograr que se formen este tipo de consorcios sólidos e acadar o financiamento necesario para acometer o reto. “Chegados a este punto”, indica Sánchez Espinel, “hai a suficiente experiencia investigadora e empresarial para cumprir os fitos necesarios para chegar ao obxectivo final do proxecto”.

No tocante ao eido máis científico, África González explica que a complexidade do proxecto radica en que hai que conseguir unha correcta resposta inmune na mucosa urinaria co fin de evitar o crecemento da bacteria no tracto urinario, así como a súa ascensión cara ao ril (pielonefrite). Nalgúns casos moito máis graves, a bacteria pode alcanzar o sangre e producir sepse, chegando a ser mortal. Por outra banda, África González destaca que hai cuestións anatómicas, como o feito de que a infección urinaria é máis frecuente en mulleres, así como a idade avanzada, o uso de sondas urinarias ou a inmobilidade de pacientes, que fai que sexan máis susceptibles algunhas persoas ca outras a padecer infeccións urinarias por parte da bacteria E. coli.

Antecedentes do proxecto

Neste proxecto conflúe o traballo e a experiencia previa de tres grupos de investigación e tres empresas que xa tiñan cooperado entre si. De feito, o grupo de África González tiña en mente unha colaboración co Laboratorio de Referencia de E. Coli da USC, dirixido polo doutor Jorge Blanco, especialista mundial nesta bacteria, “nun proxecto sobre vacina para E. coli antes da convocatoria do CDTI”. Con Mª José Alonso, responsable do grupo Nanobiofarm, da USC, tamén leven colaborando varios anos con distintos proxectos no desenvolvemento de nanovacinas empregando nanotecnoloxía e buscando rutas alternativas como a vía intranasal. Desta forma, subliña a catedrática da Universidade de Vigo, “queremos evitar as inxeccións e desenvolver vacinas máis estables e eficaces, buscando prototipos que poidan ser útiles no futuro”.