DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Salustiano Mato asinou convenios de prácticas para o alumnado da EE Forestal con varias entidades da

A Universidade suma sete novos "aliados estratéxicos" en A Estrada

O reitor vigués defende un modelo universitario baseado na transferencia de coñecemento á sociedade

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijóo DUVI 03/05/2012

Conscientes da necesidade de complementar a formación teórica das aulas con prácticas preprofesionais desempeñadas nun contexto real, o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, asinou esta mañá sete novos convenios de colaboración con varias entidades e institucións de A Estrada, entre as que se atopa o propio Concello, que posibilitarán que o alumnado do Grao de Enxeñería Forestal poida ter un período de prácticas ao final da súa formación, facilitando a súa integración laboral. “A Estrada, como capital do moble, e a Escola de Enxeñaría Forestal teñen unha forte ligazón polo que é fundamental comezar este camiño de colaboracións que dea pé a solucións e fabrique futuro”, declarou o reitor tras a sinatura dos convenios.

Dende este xoves a Universidade de Vigo conta con “sete novos aliados estratéxicos” no eido forestal, entre os que se atopan o Concello de A Estrada, a Asociación de Fabricantes e Comerciantes de Mobles de A Estrada, a Fundación de Exposicións e Congresos de A Estrada, a Cooperativa Monte Cabalar, a Sociedade Deportiva Río Ulla, a Fundación Desarrollo Producto Ecológico de Galicia e a Asociación de Veciños ‘A Sobreira’ de Callobre. A pesar de que estes convenios naceron con vocación educativa, “darán paso a outro tipo de cooperacións que porán á disposición da sociedade os coñecementos e as capacidades da Universidade”, apuntou Mato, que tamén destacou a obriga da institución viguesa “de dar luz e calor” á súa contorna socioeconómica. “Somos a Universidade do sur de Galicia polo que somos a Universidade de A Estrada”, engadiu o reitor, facendo especial fincapé na defensa dun modelo de traballo universitario “que non busque unicamente a referencia internacional en investigación e en volume de publicacións, senón unha verdadeira transferencia de coñecemento á sociedade, converténdonos en fábrica de ideas e de solucións para achegar crecemento económico”. Nesta idea tamén afondou o alcalde de A Estrada, José Carlos López Campos, que gabou “o papel proactivo” da Universidade de Vigo na súa contorna, “un perfecto socio estratéxico co que A Estrada poderá contar para a innovación e a investigación no sector da madeira”.

Facer máis con menos

En referencia á difícil situación económica que se está a vivir nestes intres, Salustiano Mato lembrou a importancia de potenciar “a cooperación intelixente” entre institucións, empresas e administracións co “fin de axustar gastos e facer máis con menos”. Neste sentido, o reitor destacou a especialización da Escola de Enxeñaría Forestal “nun dos sectores estratéxicos do país como é o bosque” e tal é o esforzo da Universidade por tomar presenza neste eixe estratéxico que ten moi avanzados os contactos para a constitución da Rede Aloia, que aglutinará á propia institución viguesa, á Misión Biolóxica do CSIC, á Estación Fitopatolóxica de Areeiro e ao Centro de Investigación de Lourizán. “Será a rede de investigación máis potente sobre o bosque en Pontevedra converténdose na fábrica de ideas e solucións neste sector”, declarou o reitor, que tamén fixo alusión ao Programa Marco Europeo 2014-2020, o que duplicou os fondos destinados a innovación e a investigación “e especialmente no eido forestal, polo que a oportunidade está aí”.

Un grande abano de prácticas

Grazas á sinatura destes sete novos convenios, os alumnos e alumnas do último curso do Grao en Enxeñaría Forestal poderán facer prácticas profesionais en calquera ámbito do sector, “dende a empresa do moble ata a especialización en xestión ambiental”. Así, co acordo asinado co concello, o alumnado da Universidade poderá desempeñar actividades técnicas en xardinería e proxectos e execución de equipamentos rurais e co convenio coa Asociación de Fabricantes e Comerciantes de Mobles de A Estrada, ábrese a oportunidade de que os estudantes poidan coñecer de preto “a realidade dunha fábrica de mobles e prestarlles o seu asesoramento”, do mesmo xeito que na organización da Feira do Moble, promovida pola Fundación de Exposicións e Congresos de A Estrada. O futuro enxeñeiro forestal interesado na explotación silvopastoral poderá colaborar coa Cooperativa Monte Cabalar ou aquel que se senta “máis atraído” pola caza e a pesca e pola xestión de praias fluviais, o seu lugar será a Sociedade Deportiva Río Ulla. A Fundación Desarrollo Producto Ecológico de Galicia achegará prácticas e proxectos nas vertentes forestal e turística, mentres que a Asociación de Veciños ‘A Sobreira’ de Callobre facilitará un campo de traballo máis especializado no deseño de rutas e na ordenación de montes.