DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado do instituto Terras de Turonio entrevistou en directo ao reitor, Salustiano Mato

A Universidade súmase a Ponte… nas ondas! na celebración do Día Mundial da Radio

Estreouse a web Escolas nas Ondas, na que tamén colabora a institución académica viguesa

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
DUVI 13/02/2017

A Universidade de Vigo vén colaborando con Ponte… nas ondas! desde hai anos, entre outros proxectos, encargándose de realizar o servizo de emisión e aloxamento dos programas radiofónicos realizados polos centros educativos. Neste contexto e coincidindo coa celebración do Día Mundial da Radio, o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, asistiu este luns no IES Terra de Turonio de Gondomar á estrea do espazo web Escolas nas Ondas, a nova canle que acollerá e difundirá as producións das radios escolares e os vídeos realizados polas escolas de Galicia, Portugal e resto de países da área galego-portuguesa implicados no proxecto. Non foi unha visita calquera, durante a súa estancia no instituto o reitor tivo tamén a oportunidade de compartir experiencias co alumnado do centro, que iniciou a programación dun día tan especial con esta entrevista en directo.

“Intentamos integrar a participación do alumnado coa de persoas e institucións da comarca para abrir as portas do centro á participación das familias”, apuntou Santiago Veloso, presidente de Ponte... nas ondas!, que explicou que a programación, realizada integramente polo alumnado, se prolongará ao longo de todo o día e inclúe entrevistas coa escritora e profesora da Universidade de Vigo Rexina Vega, entrevistada polos seus ex-alumnos e alumnas; unha alumna que entrevista ao seu avó, integrante do grupo de música tradicional Os terribles de Donas; duás nenas que entrevistan a un familiar irlandés; outros que entrevistan ao cantautor e ex-profesor do centro Leo i Arremecághona; a conexión por videoconferencia con un ex-alumno desde Canadá... “A finalidade é promover nas novas xeracións o uso activo dun medio de comunicación como é a radio, que é unha valiosa ferramenta educativa para mellorar a competencia comunicativa do alumnado”, recalcou Veloso.

Escolas nas ondas

Neste momento Ponte... nas ondas! está a promover a implantación de radios escolares nos centros educativos mediante a realización de obradoiros destinados a fomentar os recursos necesarios para poder levar a cabo unha gravación e difusión de programas de radio.

Neste sentido a apertura do portal web Escolas nas Ondas, “é unha plataforma necesaria para darlle voz ás escolas e, ao mesmo tempo, servir de punto de encontro e intercambio de experiencias audiovisuais que se están a realizar non só en Galicia e Portugal, senón tamén noutros países cos que compartimos lingua e literatura”, recalcou Veloso, ao que engadiu que as escolas, alumnado e profesorado poden enviar os programas ou podcasts que desexen ao enderezo web@escolasnasondas.com