DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Consello de Goberno dá o visto e bo á convocatoria de 10 prazas de profesor contratado

A Universidade suspende a incorporación de novos beneficiarios ao Plan de medidas facilitadoras da xubilación voluntaria

Salustiano Mato fai fincapé na necesidade de acatar a lexislación “con responsabilidade e intelixenc

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 19/10/2012

“Son tempos difíciles pero debemos traballar con responsabilidade institucional e intelixencia”, así iniciou o reitor, Salustiano Mato, o primeiro Consello de Goberno da Universidade de Vigo deste curso, unha sesión na que se decidiu suspender a incorporación de novos beneficiarios ao Plan de medidas facilitadoras da xubilación voluntaria da Universidade de Vigo, un mecanismo que fora aprobado no 2005 para incentivar a renovación e contribuír ao reequilibrio dos cadros de persoal e que xa no verán de 2011, debido á difícil situación económica xeral, sufrira un “cambio de rumbo” que retrasaba a idade voluntaria do retiro dos 60 aos 63 anos, así como unha redución das contías abonadas de ata un 20%.

A medida adoptada no Consello de Goberno celebrado este venres chega tras un acordo da CRUE e nunha postura común das universidades españolas fronte a decisión “absolutamente inxusta” do Tribunal de Contas de iniciar o procedemento de instrución contable contra estes plans aducindo falta de base legal. A Universidade de Vigo aspira, sen embargo, segundo subliñou Salustiano Mato no seu informe, a seguir negociando o tipo de xubilacións que poden levarse a cabo “e defenderemos a que temos en marcha, aprobada en 2011”, subliñou o reitor, facendo fincapé en que non só hai que facer unha defensa xurídica da CRUE a nivel global con respecto ao Tribunal de Contas, senón que é necesario estudar que tipos de incentivos, “ou mesmo sen incentivos”, se poden permitir as xubilacións anticipadas, “un dereito básico dos traballadores, pois hai que lembrar que non falamos de prexubilacións, senón de persoas que xa cotizaron os anos necesarios e que teñen dereito a xubilarse”.

Á vista do contido do artigo 1 e da disposición transitoria segunda do RD-lei 20/2012 e antes de tomar ningunha decisión sobre as persoas que estaban percibindo incentivos á xubilación, na Universidade de Vigo fíxose unha consulta ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas e a resposta indicou que estes incentivos non estaban afectados, polo que a medida non ten efecto para aqueles traballadores que se están beneficiando do plan dende anos anteriores.

Dez novas prazas de profesores “urxentes”

No último Consello de Goberno do pasado curso, a Universidade viuse obrigada a anunciar a paralización temporal da contratación de novo persoal á espera das aclaracións solicitadas á Xunta de Galicia e aos correspondentes ministerios do Goberno central. Tres meses despois as negociacións mantidas a este respecto deron xa algúns froitos e o reitor puido anunciar este venres a convocatoria de 10 prazas de profesor contratado doutor “as máis urxentes, xa que se trata de persoal que remata contrato este ano”, subliñou Mato. Nesta liña o reitor apuntou tamén que se seguen buscando fórmulas para lograr a estabilización de investigadores e, no que se refire ás prazas de funcionario, a Universidade está tratando de conseguir, “mediante conversas directas e a través da CRUE”, que non se consideren as prazas amortizadas na taxa de reposición do 10% que establece o artigo 23 da Lei 2/2012 do 29 de xuño de 2012 de orzamentos xerais do Estado, que estipula que non se incorporará novo persoal durante este ano, se ben, no caso de corpos de persoal investigador das universidades, se fixa unha taxa de reposición do 10% “sempre que por parte das administración públicas das que dependan se autoricen as correspondentes convocatorias”.

Algunhas propostas seguirán negociándose

No Consello de Goberno estaba tamén previsto a modificación parcial do cómputo da capacidade docente do profesorado para o segundo cuadrimestre deste curso, un aspecto que finalmente quedou adiado ata o seguinte Consello de Goberno “xa que consideramos que aínda hai marxe para a mellora”, subliñou a vicerreitora de Organización Académica, Margarita Estévez, que recalcou que todas as medidas terán que cumprir o Real Decreto Lei 14/2012 de 20 de abril que establece a dedicación docente do profesorado en función de criterios relacionados cos tramos de investigación e ao que o reitor se referiu como “inapropiado e inxusto pero de obrigado cumprimento”, resaltando así a importancia de dar “seguridade xurídica” a todas as decisións aprobadas en Consello de Goberno.

Tamén nesta necesidade de cumprir rigorosamente a lei se encadrou o debate que tivo lugar nesta sesión do Consello de Goberno sobre a proposta de aplicación na Universidade de Vigo do artigo 9 do Real Decreto-lei 20/2012 de 13 de xullo relativo á prestación económica na situación de incapacidade temporal, punto que fora solicitado por oitos membros do Consello de Goberno e que, tras achegar a súa visión tanto os representantes sindicais como o xerente, quedou pendente dun acordo sobre o que se seguirá a traballar na mesa de negociación colectiva entre as diferentes partes implicadas.

Novos regulamentos e convenios

Durante o Consello de Goberno deste venres deuse tamén o visto e prace ao Regulamento de Réxime Interno da Facultade de Bioloxía e dos departamentos de Enxeñaría de Sistemas de Automática, Enxeñaría Eléctrica e Comunicación Audiovisual e Publicidade. Así mesmo, tamén recibiron un respaldo maioritario dos membros do Consello de Goberno a proposta de adaptacións do cuestionario de enquisa de avaliación docente do profesorado que agora se actualiza e adaptada ao Espazo Europeo da Educación Superior, EEES, “gañando rigor e confianza”, subliñou o vicerreitor Ignacio Barcia.

Xunto a estes temas deuse tamén o visto e bo a un novo modelo de convenio de cooperación educativa para realizar prácticas académicas no estranxeiro e a outro de cooperación educativa entre as universidades do Sistema Universitario de Galicia para organizar e desenvolver as ensinanzas oficiais dos programas de doutoramento conxunto.