DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Do 18 ao 30 de setembro acceso de balde a todas as instalacións e actividades deportivas da UVigo

A Universidade tamén é deporte

A comunidade universitaria poderá acceder ás actividades dirixidas, salas cardio-fitness...

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
D. Besadío DUVI 14/09/2023

Do 18 ao 30 de setembro, 15 días para que a comunidade universitarias acceda de balde e sen compromiso a todas as instalacións e actividades deportivas previstas para o curso 2023/2024 nos tres campus da Universidade de Vigo. Nisto consisten as Xornadas de Portas Abertas organizadas pola Área de Benestar, Saúde e Deporte, unha actividade coa que se busca impulsar a alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos a empezar o curso probando e elixindo as actividades deportivas que máis lle gusten e nas que poidan sentirse cómodos e en forma ao longo de todo o curso.

Así, ao longo de quince días, as persoas que forman parte da comunidade UVigo poderán, por exemplo, coñecer as salas cardio-fitness, as pistas de atletismo ou o programa de aluguer de bicicletas e tamén participar nas múltiples actividades dirixidas de diferentes modalidades como HIIT, adestramento funcional, ioga, core ou pilates. O único requisito é reservar praza con antelación, xa que as prazas son limitadas.

Abono MuVer para manter a aposta polo deporte todo o curso

Xa en outubro, as persoas que decidan continuar apostando pola práctica deportiva poderán adquirir o Abono MuVer, unha proposta que dá acceso ás instalacións dos tres campus e ás actividades dirixidas que se organizan ao longo de todo o curso. O abono, tal e como explica desde a Área de Benestar, pode ser cuadrimestral, anual ou só para os meses de verán e está aberto tanto á comunidade universitaria e familia UVigo como a outras persoas e colectivos vencellados á institución, así como a persoas externas e os prezos varían segundo o colectivo ao que se pertenza e a duración da subscrición. 

Entre as vantaxes que ofrece o Abono MuVer está o deseño e seguimento individualizado dun programa de exercicio físico por parte do persoal técnico da sala de fitness, así como unha valoración antropométrica. Tamén inclúe o acceso ás instalacións deportivas da Universidade nos tres campus durante o todo o seu horario de apertura, incluíndo as salas cardio-fitness, tenis de mesa, pistas de atletismo (Vigo e Ourense), pistas de tenis (Vigo e Ourense), muro de escalada (Vigo) e aluguer de bicicletas BTT (Vigo). “Contar co abono tamén dá acceso gratuíto ás actividades dirixidas de fitness e o seguimento técnico-deportivo dos programas de adestramento, así como a participación de balde nas actividades do equipo de carreiras populares da UVigo”,  explican desde a área, ao que engaden que o abono supón un 20 % de desconto para as persoas da comunidade universitaria nas escolas deportivas e nas actividades puntuais no medio natural, como as Rutas Culturais ou o programa Augaventura.

No caso do campus de Ourense as persoas interesadas poderán elixir, sen coste adicional, entre benestar integral; body pump; ciclo indoor; adestramento persoal e ioga. No campus de Pontevedra, a oferta comprende adestramento funcional; HIIT e pilates e, no de Vigo, as e os usuarios teñen á súa disposición adestramento funcional; Jiu Jitsu; CORE e ioga.

No que se refire aos prezos, o abono MuVer conta con distintas tarifas que varían segundo a duración e a persoa que o solicite. Para os membros da comunidade universitaria e familia UVigo o prezo anual é de 70 euros, para persoas pertencentes entidades vencelladas á UVigo é de 105€ e para persoas alleas á institución é de 180€. Para quen prefira o abono cuadrimestral, os prezos varían entre os 40€, os 60€ e os 100€ respectivamente.