DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As féminas obtiveron o segundo posto no Campionato Galego por Equipos Absoluto

O Universidade de tenis pecha unha das súas mellores tempadas

En categoría masculina, os combinados A e B obtiveron o ascenso

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Jéssica Fdez. DUVI 07/06/2011

A constancia, o esforzo, a dedicación e o traballo, tanto físico coma psicolóxico, son algúns dos adxectivos que configuran a personalidade propia dos deportistas de éxito e, polo tanto, tamén dos xogadores e xogadoras do CD Universidade de Vigo de tenis. Os universitarios pechan esta tempada do Campionato Galego co equipo feminino no segundo posto da 1ª categoría, mentres que os masculinos, tanto A como B, lograron o ascenso.

A pesar de que todos os equipos de tenis da Universidade obtiveron bos resultados esta tempada, hai que falar en especial dos logros obtidos na categoría feminina. As xogadoras capitaneadas por Jorge Comesaña, fixéronse co subcampionato de 1ª categoría do Campionato Galego por Equipos Absoluto tras caer ante o Club de Tenis Coruña por 4-0, na xornada maratoniana deseñada pola Federación Galega de Tenis. Sara Andrade, Adriana López, Marta Sabudido e Patricia Matud amosaron a súa capacidade competitiva non só ao obter este segundo posto senón porque o lograron tras xogar, horas antes, un intenso partido de cuartos de final contra o Club de Tenis da Estrada e as semifinais contra o Tenis Rial.

No tocante aos equipos masculinos, hai que destacar o labor feito tanto polo CD Universidade de Vigo A como o B, xa que ambos obtiveron o ascenso de categoría. A tempada próxima, o CD Universidade de Vigo A xogará en 1ª e o B enfrontarase aos equipos que compiten en 2ª B.

Datos históricos

Ademais de obter uns resultados espléndidos no Campionato Galego por Equipos Absoluto, esta é a primeira vez que a Universidade de Vigo ten dous equipos en 1ª categoría absoluta autonómica. Isto débese ao traballo realizado tanto polos xogadores e xogadoras coma polo adestrador, Jorge Comesaña, que recorda o grande esforzo realizado xa que “a maior parte dos integrantes son estudantes que compaxinan os seus estudos cos adestramentos e hai que saber motivalos e incentivalos para que continúen adestrando ao máximo nivel posible”.