DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Recollida de sinaturas de Amnistía Internacional

A Universidade tínguese de amarelo contra a pena de morte

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Noemí Rey DUVI 11/11/2010
Soamente nos Estados Unidos 1200 persoas foron executadas nos últimos 33 anos, a metade delas en Texas. Por iso, Amnistía Internacional leva a cabo unha campaña de recollida de sinaturas para pedirlle ao gobernador deste Estado norteamericano a suspensión das execucións, un paso previo á abolición total da pena de morte en todo o mundo. Hoxe, ben visibles e vestidos de amarelo, a ONG trouxo a campaña ata o Edificio de Ciencias Experimentais do campus vigués para implicar á comunidade universitaria nunha iniciativa que se levará tamén a outras universidades de España.

Para achegar ao alumnado a unha realidade un pouco máis próxima, Amnistía Internacional reparte postais coa imaxe de Pablo Ibar, o único español que nestes intres está condenado a morte en Estados Unidos. Co remite xa posto, nesta postal pídeselle ao gobernador Charlie Crist, neste caso de Florida, que promova a moratoria dunhas execucións “incompatibles co principio de dignidade humana”.

Ti tamén podes colaborar

Repartindo panos amarelos, adhesivos e marcapáxinas co lema ‘Berra’ ou ‘Conta atrás para un mundo sen pena de morte’, os membros da ONG informaron a docentes e alumnado de que o ano pasado levaronse a cabo 714 execucións, a maioría delas en Irán, Irak, Arabia Saudí e Estados Unidos, unha cifra na que non entran “as preto de 8000 execucións que se consuman en China cada ano baixo secreto de Estado”, aseguran desde Amnistía Internacional.

Se queres colaborar podes deixar a túa firma ata o vindeiro 20 de novembro tamén a través da web da organización. As sinaturas recollidas en toda España serán entregadas a finais de mes na embaixada de Estados Unidos en Madrid.