DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través do grupo de investigación G4plus dirixido polo profesor Pedro Figueroa Dorrego

A Universidade titoriza a posta en marcha do Clúster de Loxística e Transporte de Galicia

Tras celebrarse a primeira asemblea xeral, ocuparanse da súa asesoría técnica ata o vindeiro mes de

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijóo DUVI 01/03/2012

O primeiro Clúster de Loxística e Transporte de Galicia nace froito da transferencia de coñecemento da Universidade ao tecido empresarial. O grupo de investigación G4 plus, dirixido polo profesor Pedro Figueroa Dorrego, é o responsable da súa constitución e ocúpase de asesorar tecnicamente a un clúster que aglutina as principais organizacións relacionadas coa loxística e o transporte de mercancías. “Este organismo nace dende o sector privado que contactou con nós para que liderásemos a súa creación”, explica Figueroa. Este mércores celebrouse en Santiago a súa primeira asemblea na que se aprobaron os membros da Xunta Directiva e o Plan de Acción 2012 do clúster “que titorizaremos e asesoraremos nos seus primeiros pasos ata o vindeiro mes de xuño”, sinala.

Para salientar o peso do sector do transporte na economía galega, o profesor Figueroa sinala que concentra máis dun 5% de todas as empresas da comunidade representando case un 8% do PIB galego. Ademais dá traballo directo a 42.000 galegos e galegas “que pode incrementarse en 5000 postos máis durante os próximos tres anos se a economía comeza a súa recuperación a finais de 2012”, augurou Aníbal Blanco, presidente do clúster, no transcurso da primeira asemblea.

Colaboración estreita coa Universidade

Este equipo de investigación conta cunha ampla experiencia neste eido, pois nos últimos catorce anos foi quen de apoiar o proceso de constitución de varios clúster e plataformas tecnolóxicas, como o Clúster da Madeira de Galicia, a Plataforma Tecnolóxica Galega de Loxística e, máis recentemente, o Clúster do Turismo Termal de Galicia. Como salienta Figueroa Dorrego, estas accións achegan a Universidade de Vigo ao eido empresarial abrindo novas canles de colaboración. “É relevante a confianza que as empresas e institucións depositaron nun grupo universitario permitíndonos liderar un proxecto destas características. É unha mostra máis do valor positivo da cooperación entre universidades, empresas e administracións públicas”, sinala o profesor.

Tal como apunta Figueroa, o Clúster de Transporte e Loxística de Galicia ten a intención de abrir unha canle de conexión estable “e moi frutífera” coas universidades galegas, sobre todo no campo da formación. Como adianta o investigador, “xa se iniciaron acordos para dar apoio a posgraos profesionalizantes a través de programas de prácticas para o alumnado, proxectos finais ou para colaborar en módulos especializados”, engade.

Primeira asemblea

Tras unha análise previa do sector e a elaboración dunha diagnose para definir as liñas estratéxicas do clúster, G4 plus definiu o Plan de Acción para 2012, aprobado nesta primeira xuntanza “que supuxo o punto e final dun proceso e, ao mesmo tempo, o arranque dunha nova etapa coa execución do Plan Estratéxico". Engade ademais que, ao ser un clúster transversal, incidirá na competividade do conxunto do sistema empresarial de Galicia "converténdose nun apoio relevante para o desenvolvemento e internacionalización da comunidade en xeral".

Como obxectivos a curto prazo, o profesor destaca a necesidade de iniciar accións con outros clústers galegos, como o de alimentación ou o de automoción, e con outros de loxística de España e do exterior. O organismo tamén contempla unha mellora das infraestruturas “con conversas de colaboración co Igape e cos portos de Galicia e de outras zonas de España”e a captación de novos asociados, “aínda que xa contamos con máis de 90 e chegamos a máis de 3600 empresas grazas á colaboración das asociacións adheridas”.