DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tralo accidente de tráfico que sufriu este domingo

A Universidade traslada as súas verbas de ánimo á deportista Judith Rodríguez

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI Pontevedra 14/06/2018

Alumna da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, a deportista do Club de Esgrima El Olivo Judith Rodríguez sufriu o pasado domingo un grave accidente de tráfico na provincia de Segovia, cando retornaba do Campionato de España, polo que tivo que ser trasladado ao Hospital Clínico de Valladolid, onde foi preciso sometela a unha amputación parcial da súa perna dereita. “Foi unha desgraza. Queremos darlle todo o ánimo posible a ela e á súa familia e, dentro do pouco que poidamos facer, poñernos totalmente á súa disposición”, salienta o novo director da Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo, Alfonso Mandado. 

Éxitos como unha medalla de prata no Campionato de España Absoluto ou varios ouros no Campionato Galego Absoluto sobresaen na traxectoria dunha deportista que chegou a ser internacional con España e que representou tamén á Universidade de Vigo  nos Campionatos de España Universitarios, coa que logrou dúas medallas de bronce na modalidade de florete nos anos 2015 e 2016. Así mesmo, a traxectoria tanto no eido deportivo como académico desta alumna do grao de Ciencias da Actividade Física e do Deporte motivaron que a Universidade a recoñecese co premio á Excelencia Deportiva en 2015.