DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un dos grandes pioneiros dos estudos escandinavos en España

A Universidade ultima os detalles dunha sentida homenaxe ao profesor Fernández Romero

Será este mércores a partir das 11.00 horas na Facultade de Filoloxía e Tradución

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 24/09/2012
A Universidade ofrecerá este mércores unha sentida homenaxe ao profesor falecido o pasado mes de decembro José Antonio Fernández Romero, un dos grandes pioneiros dos estudos escandinavos en España e Premio Nacional de Tradución no 1996 por Antología de la poesía nórdica, traducido conxuntamente con Francisco Uriz.

Ao acto, que se desenvolverá a partir das 11.00 horas na Facultade de Filoloxía e Tradución, están convidadas todas aquelas persoas que queiran honrar a memoria do coñecido humanista, do amigo, do compañeiro… e a el asistirán o reitor, Salustiano Mato, e a decana da facultade, Rosa Pérez. Estaba tamén prevista a presenza do secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, antiguo alumno do homenaxeado, que finalmente non poderá acudir, aínda que sí enviará unhas verbas na súa lembranza.

“Queremos que quede constancia da súa contribución á nosa facultade e, en xeral, ao conxunto da Universidade”, subliña Inmaculada Báez, profesora de Lingua Española e principal impulsora da homenaxe, que explica que o acto se vai iniciar coa inauguración do salón de graos José Antonio Fernández Romero, unha decisión aprobada por unanimidade na Xunta de Facultade. “Porase unha placa co seu nome na porta, pois pensamos que este sería un bo xeito de recordalo”, engade Báez, quen xunto a Rosa Pérez, coordinou no ano 2002 a publicación dunha obra de estudos filolóxicos en homenaxe ao agora profesor falecido, “por todo o cariño e admiración que sempre lle tivemos”.

Imaxes e palabras de/para José Antonio

A homenaxe programada para este mércores traerá consigo unha nova publicación, neste caso un manual de escritura académica asinado polo propio Fernández Romero, quen ao longo da súa dilatada traxectoria profesional impartiu docencia en varias universidades nórdicas, de Islandia, Finlandia e Suecia. “Deuno por rematado fai agora un ano e xa pensara noutra parte máis para o curso seguinte, pero xa non houbo tempo”, subliñou Báez.

Durante o acto o profesor Enrique Bernárdez, escandinavista de recoñecido prestixio e refencia habitual para os estudantes do centro, “ademais de bo amigo de José Antonio”, achegará a súa visión sobre a tradución das linguas nórdicas e, máis concretamente, as posibilidades que pode ofrecer ao lector a literatura islandesa.

O acto pecharase cunhas imaxes e palabras de/para José Antonio que correrán a cargo da propia Inmaculada Báez e o profesor do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá Jorge Luis Bueno.