DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co Máster en Xestión de Desenvolvemento Sostible organizado polo grupo Rede

A Universidade, na vangarda galega dos estudos de posgrao en xestión do desenvolvemento sostible

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría DUVI 19/09/2008

O vindeiro 25 de setembro ábrese o derradeiro prazo de preinscrición no Máster en Xestión de Desenvolvemento Sostible que cun perfil multidisciplinar, está deseñado para formar profesionais polivalentes procedentes de calquera titulación, aínda que preferentemente os que proveñen de titulacións dos ámbitos científicos, tecnolóxico e xurídico-social, afíns ao desenvolvemento sostible como Bioloxía, Química, Ciencias do Mar, Enxeñaría Industrial, Minas, Forestal, Economía e Administración e Dirección de Empresas.
Coordinado polo profesor titular de Economía Aplicada, Xavier Labandeira, o máster combina as visións do mundo científico e da empresa, permitindo aos alumnos un primeiro contacto práctico coa xestión do desenvolvemento sostible. “A crecente lexislación ambiental precisa de novos profesionais capaces de responder a estes requerimentos ao tempo que as entidades optan motu propio por incluír novos métodos de xestión ambiental”, afirma Xavier Labandeira, coordinador do máster.

Contidos e docencia

Con docentes procedentes dos ámbitos universitario e empresarial, o máster divídese en módulos básicos de especialización coa finalidade de “dar resposta ás necesidades da empresa e do sector público”, sinala Labandeira. E é que aínda que desenvolvemento sostible asóciase co medio ambiente, cómpre ter en conta as outras dúas vertentes que son fundamentais para a súa consecución, como son a económica y a social.
Ademais da Xunta de Galicia, empresas como Coren, Tragsa, Iberdrola ou Alcoa participan no máster, aportando financiamento e profesores, ao tempo que facilitan a realización de prácticas que os alumnos deben levar a cabo e que están vinculadas á elaboración dun traballo final de máster.
En canto as materias impartidas no máster, Xabier Labandeira destaca que “dámoslle moita importancia á avaliación ambiental de proxectos e á avaliación ambiental estratéxica, pero tamén á responsabilidade social corporativa que facilita que o crecemento das empresas non poña en risco o medio no que se insire”.

60 créditos ECTS e prácticas

Cunha orientación claramente profesionalizante o máster que cobre un baleiro existente no Sistema Universitario Galego, permite ao alumnos cursar algún módulo de forma illada.
Estruturado en 60 créditos ECTS, o Master en xestión do desenvolvemento sostible está organizado polo grupo de investigación REDE (Research in economics, business and the enviroment), e é un dos poucos do estado que ofrece esta formación oficial con carácter público.
Toda a información sobre o máster pode consultarse: http://rede.uvigo.es/mxds/preinscricion.php