DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa organización do I Congreso Iberoamericano nesta materia, que se celebrará do 3 ao 5 de outubro

A Universidade, á vangarda da xustiza terapéutica

Pontevedra reunirá preto de 200 expertos que loitan por unha lexislación “máis xusta e humana”

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijóo DUVI 04/09/2012

A Universidade de Vigo convértese en referente internacional no ámbito da xustiza terapéutica coa organización do I Congreso Iberoamericano nesta materia, que se celebrará no Pazo de Congresos de Pontevedra do 3 ao 5 de outubro. Esta xuntanza convértese nunha das primeiras accións promovidas pola Asociación Iberoamericana de Xustiza Terapéutica, encabezada por Francisca Fariña e por Esther González Pillado, catedráticas da Universidade de Vigo. “É altamente relevante para esta institución liderar, a nivel iberoamericano, unha corrente no ámbito legal moi importante ademais de ser a sede oficial da asociación”, sinala Francisca Fariña, tamén presidenta do comité organizador do congreso.

O termo ‘xustiza terapéutica’ xurdiu a finais dos anos 80 en Estados Unidos “e sen dúbida é o país no que ten máis forza”, aclara Fariña, primeira presidenta da asociación iberoamericana creada a finais de 2011 co obxectivo de que a lexislación conte cun perfil “máis xusto e humano”. Axiña se estendeu a outros países como Canadá ou Australia e, nos últimos anos, a outros lugares de Iberoamérica. No caso de Galicia, xa diferentes leis se encadran dentro da xustiza terapéutica, “tal como a recente lei de mediación, a reguladora da responsabilidade penal do menor ou a do permiso e licenza de condución por puntos”, exemplifica a catedrática e decana da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, aínda que asegura que “queda un longo camiño por percorrer para que a lexislación sexa plenamente rehabilitadora na nosa comunidade e en España”. Non obstante, a experta declara que a situación económica actual pode ser unha oportunidade para realizar cambios xa que os principios da xustiza terapéutica "son altamente compatibles con aquelas políticas que combinan eficiencia e austeridade", puntualiza, e este congreso convértese nun bo escaparate "para que as institucións se conciencien dos beneficios que pode achegar á cidadanía e ao estado".

Tres días de “intenso” debate

Durante tres días, Pontevedra reunirá a preto de 200 expertos procedentes de toda Iberoamérica, especialmente de Colombia, Chile, México, Arxentina, Perú, Brasil e Porto Rico. Como aclara a propia Fariña, “organizar o congreso en España non foi unha decisión fácil, porque parecía máis oportuno, para facilitar a asistencia aos membros da asociación, que tivera lugar nun país americano”. Dado o carácter multidisciplinar da xuntanza, participarán expertos das áreas de psicoloxía, dereito, medicina legal, psiquiatría, traballo social, socioloxía ou criminoloxía, que debaterán sobre temas de “grande interese” legal e social, como a mediación no ámbito civil e penal con adultos e menores; a especialización da xustiza; o dereito de familia; os programas de intervención con penados dentro e fóra de prisión ou a conformidade no proceso penal.

Un total de dez conferencias científicas e mesas redondas repartiranse entre o 3 e o 5 de outubro, sendo inauguradas por David Wexler, “pai da xustiza terapéutica e director do International Network on Therapeutic Jurisprudence”, aclara Fariña. Tamén intervirán representantes do Consello Xeral do Poder Xudicial; o secretario xeral da Conferencia de Ministros de Xustiza dos Países Iberoamericanos; a presidenta da Corte de Arbitraxe e Mediación de Valencia e o presidente da Asociación Española de Avogados de Familia, AEAFA, entre outros.

Período de inscrición aberto

Co período de inscrición aínda aberto, aqueles que se matriculen no congreso antes do día 20 de setembro deberán aboar 30 euros no caso de ser estudantes ou desempregados e 50 euros se son profesionais. Se se deixa para despois desta data, a cota ordinaria para profesionais ascendería a 70 euros, mentres que a reducida incrementaríase a 40 euros, sendo a matrícula gratuíta, en todos os casos, para os membros da Asociación Iberoamericana de Xustiza Terapéutica. Para máis información, pódese entrar na web do congreso, ou ben a través do correo electrónico justiciaterapeutica@uvigo.es