DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus pontevedrés acolle a vixésima edición da Gala do Deporte o 19 de maio

A Universidade vestirase de gala para recoñecer a excelencia deportiva

O atleta Manuel Rosales será o padriño do acto que presentará o actor Carlos Blanco

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Bea Feijoo DUVI 13/05/2011

Música, humor e espectáculo uniranse o próximo xoves día 19 de maio para celebrar a vixésima edición da Gala do Deporte da Universidade de Vigo, un acto de recoñecemento público aos mellores deportistas da institución, no que se premia tanto os seus logros deportivos como o seu esforzo. Este ano celebrarase no campus de Pontevedra, en concreto no salón de actos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, organizado polo Servizo de Deportes e a Vicerreitoría do campus coa colaboración do Consello Social da Universidade. O acto deste ano será apadriñado polo atleta veterano Manuel Rosales e presentado polo actor Carlos Blanco en colaboración coa actriz e profesora da Universidade, Mariana Carballal.

Como explica a vicerreitora do campus, Antonia Blanco, este tipo de actos poñen de manifesto “o compromiso férreo que a Universidade ten co deporte e, por ende, coa saúde da súa contorna”, ademais de darlle proxección pública “a toda a comunidade universitaria implicada neste eido, recoñecendo as súas achegas e esforzo diario”. Que o evento se celebre no campus pontevedrés supón “unha ilusión e unha motivación moi grande, contando cunha implicación moi personalizada dos profesores da titulación de Ciencias da Educación Física e do Deporte”.

O momento máis esperado da gala será a entrega dos Premios á Excelencia Deportiva, para os que o xurado ten en conta tanto o expediente deportivo como académico dos seleccionados. No curso 2010-2011 os alumnos propostos foron, na categoría feminina, Estefanía Domínguez, Lúa Piñeiro e Elda Miramontes, e na masculina, Alfonso Palomanes, Fernando Rascado e José Luis Puentes, dándose a coñecer ao gañador de cada categoría o próximo xoves. A Gala do Deporte tamén premiará o labor no eido deportivo do sector PDI e PAS, aos deportistas da institución que tiveran conseguido algunha medalla nos campionatos de España universitarios, aos equipos federados, ademais da entrega de condecoracións especiais que poñan en valor o traballo de persoas que loitan para promover a práctica do deporte.

O espectáculo estará servido

Esta vixésima edición terá como padriño ao atleta veterano Manuel Rosales, campión das maratóns máis prestixiosas, como a de Nova York, a de Boston ou a de Londres. A gala estará presentada polo actor galego Carlos Blanco que contará coa colaboración da actriz e profesora Mariana Carballal. A música estará presente coa actuación do grupo de pop-rock Priscila e as acrobacias e o espectáculo virán da man dun trío de ximnasia acrobática formado por Noelia Acuña, Sara García e Carolina Gomez e de Vella Escola, un grupo multidisciplinar de cultura urbana, que deleitará aos presentes cun show de break-dance.

Copa Fair Play

Aínda que “a posta de largo” terá lugar ás 19.00 horas do 19 de maio, pola mañá, como xa vén sendo habitual, celebrarase a Copa Fair Play, na que os mellores equipos de cada un dos campus da Universidade se enfrontarán nun torneo triangular, no que ademais do triunfo deportivo, se premia o xogo limpo. Disputaranse catro modalidades, fútbol sala masculino e feminino, fútbol 7 masculino e baloncesto feminino. Os vencedores tamén serán galardoados na gala.